Renfe aposta pola cultura, a educación e o deporte como elementos integradores da sociedade, e contribúe a mellorala e a que a cidadanía teña unha maior calidade de vida e poida afrontar en mellores condicións os retos cotiáns do noso tempo.
Nesta liña, a compañía considera que o mellor camiño para facer medrar a sociedade é a través da educación e da cultura. No seu compromiso coa cultura teñen cabida numerosas actividades, especialmente as que contan cun vínculo especial co mundo do ferrocarril.
Para Renfe é unha maneira única de conectar cos seus públicos e ampliar o diálogo a través das linguaxes máis diversas. Por iso quere apostar por cantas accións axuden á promoción cultural e educativa en España: promovendo a lectura mediante a distribución gratuíta de libros entre os seus clientes, apoiando festivais de cine e de teatro, colaborando en conmemoracións culturais, levando o teatro aos trens, patrocinando diversos premios de literatura e fotografía...
Festival de Teatro de Cádiz
Renfe colabora co Festival Iberoamericano de Teatro de Cádiz, un evento con propostas estéticas de vangarda que pretende servir de ponte cultural e artística entre diferentes realidades.
Teatro Real de Madrid
A compañía ferroviaria é membro protector do Teatro Real de Madrid e colabora nos fins da Fundación del Teatro Lírico: impulsar, protexer, conservar e difundir as artes líricas e musicais en todas as súas variedades.
Titirimundi
Renfe apoia o Festival Internacional de Teatro de Títeres de Segovia (Titirimundi), un dos festivais de teatro de marionetas con carácter anual máis recoñecidos e prestixiosos do mundo. Co seu apoio como patrocinador, Renfe achégase e vincúlase a unha importante manifestación cultural con séculos de tradición en España que ten lugar en diversos escenarios, principalmente en Segovia, no mes de maio.
Palau de la Música Catalana
Renfe colabora coa Fundación Orfeó Catalá-Palau de la Música Catalana no programa de visitas arquitectónicas. Os clientes de Renfe que presenten un billete poden obter un desconto do 50% na adquisición das entradas para as visitas arquitectónicas do Palau. A compañía ferroviaria tamén é membro protector da fundación que organiza concertos e potencia as actividades das agrupacións corais do Orfeó Català.
Teatro da Maestranza
Renfe apoia as actividades do Teatro da Maestranza e Salas do Arenal de Sevilla no eido do teatro desde 2005. O Teatro da Maestranza e Salas do Arenal é unha entidade mercantil participada pola Consellaría de Cultura da Junta de Andalucía, a Deputación de Sevilla e o Concello que se ocupa da xestión e explotación de todas as actividades culturais que se realizan no teatro. O seu fin é conseguir a mellor difusión e goce do patrimonio cultural de España.
Teatro para nenos
O teatro para nenos do Museo do Ferrocarril de Madrid ofrece unha programación variada, adaptada a distintas idades e cuns temas próximos aos escolares que abranguen desde o teatro contemporáneo para todos os públicos ata o teatro de marionetas. Renfe é patrocinador desta iniciativa.
Co teatro e a danza valencianos
Renfe é colaborador de Teatres de la Generalitat Valenciana, que coordina todas as actuacións que inciden sobre o exercicio do teatro e da danza. Entre estas actuacións, cabo destacar a programación estable e continuada das salas que dependen directamente deste organismo: o Teatre Principal, o Teatre Rialto, a Sala Moratín, o Teatre Talia e o L'altre Espai, na cidade de Valencia; e o Teatre Arniches, na cidade de Alacant.
Temporada alta - Festival de Otoño de Catalunya
Renfe é patrocinador preferente desta festa das artes escénicas catalás, onde o teatro, o circo, a danza e a música comparten os espazos da cidade de Girona cos novos creadores cataláns.
Musical “Hoy no me puedo levantar”
Renfe, transporte oficial da xira do musical “Hoy no me puedo levantar”, facilitará o traslado dos 40 artistas que participan no espectáculo por 29 cidades españolas, como parte do seu compromiso coa cultura.
Festival de Cine Europeo de Sevilla
Renfe é o transportista oficial do Festival de Cine Europeo de Sevilla. A programación do festival supón unha magnífica oportunidade para achegarlle a cultura cinematográfica á mocidade, ofrecéndolle unha completa proposta de lecer e cultura. Dentro desta actividade, os universitarios e os estudantes conforman o núcleo fundamental do público do festival, polo que se desenvolven programas especiais de prezos e bonos dirixidos a captar este público e facilitar o seu acceso ás salas.
Festival de Cine de Málaga
Renfe é patrocinador do Festival de Málaga desde a súa edición de 2006. O festival naceu en 1998 e en cada unha das súas edicións mantivo un obxectivo: favorecer a difusión e promoción da cinematografía española. Ano tras ano vén xuntando os diferentes sectores desta industria, creando foros, debates e encontros co fin de analizar os avances e as necesidades do noso cine e servindo de escaparate para o traballo dos profesionais do sector audiovisual.
Adicionalmente, Renfe e o Festival de Cine crearon o premio “Novos Valores Renfe Ave”, que se entrega na gala de clausura do certame. O galardón recoñece o talento e a proxección de futuro dos actores novos presentes na sección oficial do concurso, elixidos por votación popular.
Festival Internacional de Cine de Huesca
A compañía ferroviaria é transportista oficial do Festival de Cine de Huesca desde 2006. O festival, organizado pola asociación cultural Certamen Internacional de Films Cortos ‘Ciudad de Huesca’, está considerado como a maior expresión de promoción das artes cinematográficas da Comunidade Autónoma de Aragón.
O ‘Tren Negro’ Madrid-Xixón
Renfe, patrocinador da Asociación Semana Negra, freta un ‘Tren Negro’ co fin de desprazar as autoridades e os escritores participantes na Semana Negra, un festival multicultural que ten lugar en Xixón desde o ano 1988, dedicado á literatura “negra” ou de suspense.
Festival de Cine de Valladolid
Renfe patrocinou a 53ª Semana Internacional de Cine de Valladolid, celebrada en 2008. A Semana Internacional de Cine, coñecida popularmente como SEMINCI, é un dos festivais máis antigos e consolidados de cantos se celebran en Europa. Desde os seus inicios distinguiuse por introducir en España novos autores, cinematografías descoñecidas ou semidescoñecidas e por facilitar o acceso a novos campos da expresión cinematográfica.
Mostra de Cine de Valencia
O festival internacional Mostra de Valencia–Cinema del Mediterrani é o certame considerado como a maior expresión de promoción das artes cinematográficas da Comunidade Valenciana.
Renfe patrocinou o festival na súa edición 2008. Adicionalmente, acolleu a exposición “Días de Cine” en varios trens de Cercanías do núcleo de Valencia durante o mes de outubro de 2008, co obxecto de apoiar o festival e informar os seus usuarios sobre o evento.
Festival Internacional de Televisión y Cine Históricu “Reinu de Llión”
Renfe apoia esta iniciativa, na súa primeira edición, coa que se pretende fomentar a visión da Historia no seu máis amplo sentido, a través das producións existentes en soporte audiovisual. Outro dos obxectivos do evento é a difusión e promoción da industria audiovisual europea, con especial acento nas producións de países membros da Comunidade Europea e naquelas procedentes de países de baixa produción audiovisual, cobertura lingüística ou situación xeográfica limitada.
Premios do Tren, “Camilo José Cela” de contos e “Antonio Machado” de poesía.
A Fundación dos Ferrocarrís Españois promove, organiza e executa actividades culturais relacionadas co ferrocarril, tales como premios de poesía, contos, narracións, fotografía, exposicións de pintura e outras semellantes. A FFE convoca cada ano o concurso literario “Premios do Tren”, en que se dan cita amantes do relato e da poesía.
No ano 2008 presentáronse ás convocatorias 1687 obras de 1442 autores procedentes de 32 países. Editáronse 20 000 exemplares das obras gañadoras para distribuír entre os viaxeiros de trens de servizos de Alta Velocidad, Larga e Media Distancia.
Concurso de relatos breves “O tren e a viaxe”
Durante a celebración do Día Mundial do Libro, na estación de Atocha Cercanías de Madrid distribuíronse 30 000 exemplares da recompilación de relatos breves “O tren e a viaxe”, ao tempo que se puxo en marcha a terceira edición do concurso do mesmo nome, ao que se poderán presentar relatos relacionados coa experiencia de viaxar e o movemento cara a un destino, de non máis de 99 palabras.
Programa “Tasta´m” para o fomento da lectura
Renfe ampliou a súa colaboración co programa “Tasta´m”, orientado a fomentar a lectura entre a cidadanía e a promover a produción editorial en lingua catalá, coa instalación de tres novos expositores na zona de embarque dos servizos Ave e Avant da estación de Barcelona Sants.
Concurso “Relato Curto de Mulleres Viaxeiras”
A iniciativa, impulsada polo portal mujeresviajeras.com, convida as españolas a escribir as súas experiencias viaxeiras, para logo recompilalas e publicalas nun libro. Renfe apoia a iniciativa, convocada co nome de Primeiro Concurso Nacional “CASIOPEA” de Relato Curto de Mulleres Viaxeiras.
Feira do Libro de Sevilla
A asociación Feria del Libro de Sevilla organiza este evento para contribuír á defensa do libro e á promoción da lectura, convertendo o 23 de abril nunha data en que o libro e a lectura son os protagonistas. Renfe é o transportista oficial da feira.
Fundación Amigos del Museo del Prado
Renfe é membro protector da Fundación Amigos del Museo del Prado para a promoción, estímulo, apoio e desenvolvemento de accións culturais e educativas do museo.
Museo Guggenheim
Renfe, como empresa asociada co Museo Guggenheim, participa no Programa de Membros Corporativos, un foro onde están presentes un número importante de empresas líderes en todos os sectores. Ademais, colabora coa Fundación do Museo nas súas actividades artísticas e educativas.
Fundación Museo Reales Atarazanas de Sevilla
A fundación, que ten entre os seus obxectivos contribuír á conversión das Reais Atarazanas de Sevilla nun museo que albergue a rica e universal historia de Sevilla e do río Guadalquivir, contará co patrocinio de Renfe para desenvolver actividades de interese xeral durante o ano 2009.
Museo das Artes Audiovisuais de Alzira
Renfe e o Museo das Artes Audiovisuais de Alzira subscribiron un convenio co obxectivo de fomentar a utilización do tren para se desprazar ata Valencia e visitar o museo.
Cidade das Artes e as Ciencias
Renfe colabora coa Cidade das Artes e das Ciencias como colaborador/transportista oficial deste espazo cultural e científico. Co selo inconfundible da arquitectura de Santiago Calatrava, este espazo permite aprender divertíndose e gozar coa arte, coa ciencia e coa natureza. L´Hemisfèric, o Museo das Ciencias Príncipe Felipe, L'Umbracle, L'Oceanogràfic e o Palacio das Artes son os principais edificios deste complexo.
Bienal Internacional de Arte Contemporánea de Sevilla (BIACS)
Renfe apoia as actividades da BIACS. Esta bienal é un núcleo artístico e social que persegue atraer os axentes máis representativos do mundo da arte contemporánea e contribuír así a fomentar o turismo cultural na cidade de Sevilla. Estas exposicións supoñen a apertura dunha ventá ao mundo do pensamento libre, das novas tendencias, das reinterpretacións e das novas formulacións vitais.
Bienal de Flamenco de Sevilla
A Bienal de Flamenco ten unha traxectoria de máis de 27 anos, tras os cales se mantén como referente mundial do flamenco, tanto en calidade artística coma en espectadores. É por isto polo que Renfe, no marco do seu compromiso cultural, apoiou a XV edición dedicada ás “Musas do Flamenco”, que contou coa participación dos artistas e espectáculos máis representativos desta arte.
Rede de Cidades Patrimonio da Humanidade de España
En 2007 Renfe, en colaboración co Grupo de Cidades Patrimonio, puxo en marcha un pasaporte de viaxe que lles dá a opción, aos viaxeiros que o obteñan e o cubran, a sumar puntos para participaren en promocións e conseguiren novas viaxes en tren. A iniciativa é parte do convenio de colaboración asinado no mes de febreiro no contexto de Fitur, a Feira Internacional de Turismo, entre a organización de Alta Velocidad/Larga Distancia da compañía e a Rede de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, irmandadas pola UNESCO desde 1985.
O obxectivo deste acordo é fomentar a viaxe a estas cidades a bordo de distintos trens de Alta Velocidad-Larga Distancia de Renfe, mediante a promoción de escapadas a Tarragona, Córdoba, Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Cuenca, Salamanca, Segovia, Santiago de Compostela, Mérida e Toledo. O pasaporte Cidades Patrimonio pódese obter en todas as estacións desde as que teñan saída os trens con destino a estas cidades. Unha vez realizada a viaxe, e tamén na estación de destino, o viaxeiro pode obter o selo nunha das casas do pasaporte tras presentar o billete de tren.
Veranos de la Villa de Madrid
Renfe patrocinou os Veranos de la Villa de Madrid, que no ano 2008 acadaron a súa XXIII edición. Este percorrido cultural e festivo permitiulles a madrileños e visitantes gozar de distintos espectáculos (concertos, danza, teatro, ópera, circo etc.) nunha diversidade de escenarios, como o Centro Conde Duque, os Xardíns de Sabatini, o Centro Cultural de la Villa, o Teatro Español ou a Praza Mayor, entre outros.
Reconstrución da estatua de “La Vieja Negrilla” en León
Renfe colaborou coa Comisión de Cultura do Concello de León na reposición da escultura “La Vieja Negrilla” de Amancio González, referente cultural e social da cidade de León que resultou seriamente danada como consecuencia dun accidente automobilístico.
Feira de Artesanía de Bilbao
Renfe patrocinou a XXV edición da Biartea, 25ª Feira de Artesanía de Bilbao, unha mostra que xuntou 50 obradoiros artesáns que mostraron o seu labor, as súas técnicas e os seus produtos.
Premios Internacionais Terenci Moix
Renfe é transportista oficial dos ‘Premios Internacionais Terenci Moix de Literatura, Cinematografía e Artes Escénicas’, que nacen do empeño de Ana María Moix, escritora e irmá de Terenci, en recoñecer o amor polo celuloide do escritor. Entréganse catro galardóns: á traxectoria nas artes escénicas, á traxectoria cinematográfica, á traxectoria literaria e ao mellor libro do ano.
Real Club de Enganches
Renfe apoia as actividades do Real Club de Enganches, que se dedica á organización da Exhibición de Enganches na praza de touros da Real Maestranza de Sevilla. Na súa última edición, Renfe colaborou coa cea de gala da exhibición.
Tren, arquitectura e cidade
Renfe levou a cabo a campaña de difusión cultural ‘Tren, arquitectura e cidade’ nas estacións do núcleo de Cercanías de Madrid. Nas zonas de acceso de Getafe-Centro, Alcalá de Henares e O Escorial instaláronse uns grandes paneis con imaxes e explicacións das construcións arquitectónicas máis destacadas de cada cidade. A iniciativa presentouse no marco da ’Semana da Arquitectura 2007’, patrocinada por Renfe Cercanías.
Festa infantil de Betizu
Renfe facilitou o transporte de milleiros de nenos e nenas á festa do programa infantil de ETB Betizu, que se celebrou o 5 de xuño no parque de dona Casilda de Bilbao. A proximidade ao recinto festivo da estación de Cercanías de Renfe de San Mamés permitiu que os socios do club Betizu, máis de 65 000 en todo Euscadi, gozaran de condicións especiais para viaxar con Cercanías.
Exposicións fotográficas nos trens de Cercanías de Valencia
Os trens de Cercanías do núcleo de Valencia acollen exposicións de fotografía que poñen ao alcance dos viaxeiros mostras con temas tan diversos como a cultura, o deporte, o medio ambiente e, en moitos casos, a sensibilización social. Con isto, Renfe pretende que as viaxes trascendan o mero desprazamento e incorporen valores engadidos para os seus clientes.
Algunhas das exposicións realizadas en 2008 tiveron como temática as figuras do atletismo español, a final da Copa do Rei, o 150 aniversario do ferrocarril, o Festival de Jazz de Valencia, as orixes da Fórmula 1, a eliminación da violencia contra a muller e a campaña “Un tren de valores para un mundo mellor”. Algúns dos temas tratados en 2009 foron a explotación infantil (a cargo de persoal da Cruz Vermella en Níxer), o Día Internacional da Muller e o Día do Emprendedor.
Proxecto “Nun lugar do planeta”
Co propósito de fomentar entre os escolares de segundo ciclo de primaria valores de tolerancia, solidariedade, respecto, cooperación e colaboración, a ONG “Un mundo amigo” creou un material audiovisual con Don Quixote como protagonista para distribuír entre os colexios de Castela-A Mancha e parte de Estremadura. Este proxecto constitúe a segunda parte dun material didáctico impreso que se distribuíu por 100 colexios de Guatemala. Renfe apoiou ambos os proxectos, cos que se situou a Don Quixote como un modelo de solidariedade e un viaxeiro idealista.
Estimulando a investigación
Renfe patrocina o Premio de Investigación Ferroviaria en colaboración co Concello de Monforte e as universidades galegas, co fin de promover a colaboración entre universidades e empresas e dar unha resposta eficaz ante as esixencias do cambio tecnolóxico.
Cos Amigos do Ferrocarril
A Federación Española de Asociacións de Amigos do Ferrocarril (FEAAF) agrupa a maioría das asociacións de amigos do ferrocarril existentes en España. A colaboración de Renfe consiste no desprazamento dos membros de todas as asociacións ao punto de reunión das dúas asembleas que organiza a federación.
Fomento da historia e da xeografía españolas
A Sociedade Xeográfica Española é unha asociación sen ánimo de lucro que pretende trasladarlles aos españois a recuperación da historia española no mundo; ampliar o coñecemento xeográfico e social das vilas; propiciar o contacto humano e a comprensión cara ás distintas culturas e formas de vida; converterse no motor de proxectos viaxeiros que sirvan á investigación, á ciencia e á arte; e revitalizar a xeografía e a viaxe como descubrimento persoal, lúdico e subxectivo cos medios e métodos do século XXI. Renfe é socio protector desta sociedade e participa como patrocinador dos seus premios desde 2007.
Renfe colabora cos xornalistas de toda España
Renfe colabora coa Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE), que é un órgano encargado de representar, coordinar, xestionar e defender a profesión xornalística española. A compañía promove as viaxes en tren da FAPE e aplica descontos comerciais nalgúns produtos.
Cos novos investigadores
A Asociación de Jóvenes Investigadores-Precarios, FJI/Precarios, é unha federación de ámbito estatal que coordina os esforzos de varias asociacións españolas de investigadores en fase inicial, é dicir, investigadores con menos de catro anos de experiencia, e de investigadores experimentados, que son aqueles que teñen o grao de doutor ou un mínimo de catro anos de experiencia en investigación. Algunhas asociacións de precarios tamén inclúen entre os seus socios técnicos de laboratorio, profesores asociados e figuras similares. Renfe patrocinou as VII Xornadas de Novos Investigadores como transportista oficial.
O tren do Mediterráneo
Renfe fomenta as artes plásticas cunha exposición de debuxo infantil e xuvenil baixo o título ‘O tren no Mediterráneo’, que reuniu 54 obras de estudantes de primaria e secundaria da Comunidade Valenciana seleccionadas entre un total de 400 presentadas na primeira edición do Concurso Infantil e Xuvenil ‘O tren no Mediterráneo’.
Concurso de debuxo infantil
O XII Concurso de Debuxo de Renfe Cercanías en Santander contou na súa última edición coa participación de cerca de 500 escolares cántabros, divididos en tres categorías segundo a súa idade. Como en edicións anteriores, o tema principal dos debuxos xira arredor da experiencia dos nenos e nenas ao viaxar en tren.
Campus Party
Renfe é colaborador da Campus Party, un dos maiores eventos de entretemento electrónico en rede do mundo. Este encontro anual vénse realizando desde 1997 e, durante sete días, reúne milleiros de participantes procedentes de toda España e doutros países cos seus ordenadores co fin de compartiren inquietudes, intercambiaren experiencias e realizaren todo tipo de actividades relacionadas coa informática, as comunicacións e as novas tecnoloxías.
Guías de actividades escolares de Cercanías
O programa de actividades escolares de Cercanías é unha completa proposta de actividades dirixidas a xefes de estudo e profesores de centros educativos, responsables de coordinaren as actividades extraescolares dos alumnos madrileños.
Renfe, a través do programa, pon a disposición dos colexios unha ferramenta de carácter pedagóxico, cultural e de lecer que facilita a organización e desenvolvemento de excursións e actividades extraescolares a bordo dos trens de Cercanías.
O obxectivo de Renfe Cercanías con esta iniciativa é fomentar o uso do ferrocarril entre a mocidade como un modo de transporte eficaz, de alta eficiencia enerxética, ecolóxico e sustentable.
Fundación Española de Rugby
Renfe e a Federación Española de Rugby puxeron en marcha un plan estratéxico para implantaren o rugby no primeiro ciclo de secundaria. O proxecto leva a práctica do rugby de forma divulgativa a 500 institutos de toda España, e busca descubrir e potenciar novas promesas deste deporte. O programa realízase en todo o país a través das federacións autonómicas de rugby, as direccións xerais de deportes das Comunidades Autónomas e os clubs, que se encargan de enviar un monitor aos institutos para incluír a práctica do rugby na programación de educación física.
Fundación “Deporte Joven”
Renfe é “Patrón de Libre Designación” da Fundación “Deporte Joven” desde 2007. Desde a súa constitución en 1996, a fundación considera o deporte como unha ferramenta básica de educación e hábitos saudables, como un vehículo cultural e de integración e como o medio idóneo tanto de comunicación como de expresión e participación social, pola súa colaboración no desenvolvemento da persoa desde as primeiras etapas da vida.
Tren de Cervantes
Renfe Cercanías pon en circulación o ‘Tren de Cervantes’ entre Madrid e Alcalá de Henares, unha viaxe a través de 2000 anos de historia que lles permite descubrir aos seus pasaxeiros, da man de actores que encarnan a Miguel de Cervantes, Don Quixote, Sancho Panza, Dulcinea e diversos personaxes, a historia da cidade complutense e algunhas das pasaxes máis famosas e recordadas d’“O Quixote”.
Os trens son para o verán
No verán, Renfe Cercanías ofrece o programa “Os trens son para o verán”, con 17 ideas e propostas de turismo. “Os trens son para o verán” é un programa destinado a todas as persoas que queiran gozar de rutas pola Comunidade de Madrid, coñecer de xeito fácil e cómodo algúns recantos con encanto ou vivir un maior contacto coa natureza ou cos principais lugares de diversión de Madrid. As 17 propostas de lecer de Renfe Cercanías danlles aos usuarios a posibilidade de realizaren visitas culturais guiadas, entraren a espectáculos e atraccións, alcanzaren destinos cun elevado nivel histórico, ambiental, turístico ou cultural, ou visitaren con guías especializados museos ou rutas de sendeirismo e natureza.
Tren medieval a Sigüenza
Renfe Media Distancia pon en marcha o ‘Tren medieval a Sigüenza’, entre as estacións de Madrid Chamartín e Sigüenza, unha atractiva combinación de turismo, teatro, gastronomía e historia nun medio excepcional.
© Renfe. Todos os dereitos reservados.
Información legal |