Renfe

Coa sociedade e a accesibilidade

O compromiso de Renfe coas actividades de interese social xorde no mesmo momento do nacemento da compañía, sempre disposta a coñecer o medio en que se move e involucrarse con el. Un compromiso coa sociedade e coa accesibilidade, con especial atención aos usuarios con algunha discapacidade ou dificultade de mobilidade, a través do Plan de accesibilidade que se está a executar; un compromiso coa integración, coa diversidade, coa tolerancia, co respecto e co entendemento de cara a unha óptima convivencia entre a cidadanía.

Renfe coa accesibilidade

Renfe desenvolveu un ambicioso Plan de accesibilidade co obxectivo de que no Horizonte 2010 a práctica totalidade dos servizos de Renfe sexan accesibles para as persoas con discapacidade, co que sitúa a España no primeiro nivel europeo no tocante á accesibilidade ferroviaria.

O horizonte temporal establecido no Plan supón un adianto considerable de aproximadamente 10 anos sobre os prazos fixados no Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade.

O compromiso de accesibilidade de Renfe inclúe os pasaxeiros que se desprazan en cadeira de rodas, os invidentes ou persoas con visión reducida, os anciáns, as embarazadas, os viaxeiros acompañados por nenos, os xordos ou persoas con dificultades auditivas e outros pasaxeiros con mobilidade reducida.

Polo seu valor de garantía social, o Plan está concertado coas asociacións de persoas con discapacidade CERMI/ONCE, que están a realizar o seguimento das súas accións. Renfe cre que o diálogo cos grupos de interese permitirá compartir o impulso dos obxectivos propostos, desenvolver iniciativas de cooperación e prestar axudas recíprocas para a realización do Plan.

Proxecto Atrención

Renfe conta cunha ferramenta informática, denominada GAD, para xestionar a asistencia a persoas con discapacidade. A GAD permite a xestión e o seguimento de todo o proceso, desde a petición de asistencia ata a súa finalización, así como a intercomunicación entre os departamentos que interveñen no proceso. En 2007, o seu primeiro ano de implantación, a ferramenta rexistrou 60 000 asistencias, cunha previsión de 150 000 asistencias para o ano seguinte.

Esta iniciativa forma parte dos proxectos gañadores do XIV Concurso de Proxectos de Innovación, co que Renfe premia as mellores ideas propostas polos seus empregados. Neste caso, a GAD forma parte do proxecto presentado baixo o nome “Atrención”.


 

Renfe e os seus traballadores

Igualdade de xénero

Renfe incorporou unha cláusula específica sobre igualdade no seu convenio colectivo, vixente desde xaneiro de 2007, que demostra o compromiso da compañía co fomento da igualdade de xénero. O convenio recolle os seguintes obxectivos:

  1. Promover a defensa e a aplicación efectiva do principio de igualdade entre homes e mulleres.
  2. Detectar, previr e, se for o caso, eliminar toda discriminación, directa ou indirecta, por razón de sexo, derivada da maternidade, da asunción de obrigas familiares e do estado civil.
  3. Lograr unha representación equilibrada da muller no ámbito da empresa e mellorar as posibilidades de acceso da muller a postos de responsabilidade.
  4. Promover unhas condicións de traballo que eviten o acoso sexual e o acoso por razón de sexo.
  5. Continuar coa implantación de medidas que favorezan a conciliación da vida laboral coa vida familiar e persoal dos traballadores.

Renfe constituíu unha Comisión de Igualdade de Oportunidades integrada por todas as áreas da empresa e os sindicatos que forman parte do Comité Xeral de Empresa, e que conta co impulso da dirección de Renfe. Esta comisión está facultada para negociar o Plan de igualdade de Renfe, para o que se realizou e presentou un informe de diagnóstico que analizou por xénero a composición actual do persoal e contextualizou a evolución da empresa neste sentido. Adicionalmente, conformáronse grupos de traballo sobre igualdade con mulleres de todos os grupos profesionais de Renfe, 11 en total, para garantir unha razoable cobertura dos diferentes grupos que existen na organización, por perfís profesionais, idade ou antigüidade na empresa. Estes grupos contan cun calendario de reunións iniciado en decembro de 2008.

A compañía concibe o Plan de igualdade como un conxunto ordenado de medidas que fixará os obxectivos concretos de igualdade que se pretende acadar, as estratexias e prácticas que cómpre adoptar para a súa consecución, así como o establecemento de sistemas eficaces de seguimento e avaliación dos obxectivos fixados.

A promoción da igualdade de xénero non é algo novo para Renfe. A compañía colabora co programa Óptima, cuxo obxectivo é fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no ámbito empresarial. De feito, a compañía ferroviaria conta desde 1999 co título de ‘Entidade Colaboradora en Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes’, outorgado polo Instituto da Muller.

Fomento da conciliación

O interese de Renfe en fomentar a conciliación da vida persoal, familiar e profesional dos seus traballadores queda patente coa inclusión dunha cláusula específica no seu convenio colectivo sobre a materia. Nela, Renfe sinala que “se han de propiciar medidas que permitan a conciliación da vida persoal coa familiar e profesional a través da análise das diversas modalidades de xornadas e condicións de traballo nas mesas de desenvolvemento profesional”.

Algunhas das medidas que recolle o convenio e que Renfe aplica co obxectivo de fomentar a conciliación son:

  1. Acumulación do permiso de lactación.
  2. Estudo das preferencias de selección de quenda de vacacións, dentro dos meses establecidos como meses de vacacións, para os traballadores con fillos que estean suxeitos a sentenza firme de divorcio ou separación, todo isto sen alterar a porcentaxe de traballadores por quenda e centro de traballo.
  3. Posibilidade de gozar de seis días ao ano de asuntos propios, sen necesidade de xustificación, á marxe do calendario de vacacións.
  4. Contemplación dos festivos que coinciden en sábado no calendario laboral, de xeito que poidan ser gozados polo traballador en función das súas necesidades.
  5. Licenzas ou permisos por motivos e necesidades de índole persoal (enfermidades, falecemento ou intervencións cirúrxicas de familiares, entre outros).

Beneficios sociais

Todos os traballadores de Renfe gozan dunha serie de beneficios sociais que recolle a normativa interna da compañía. A seguir, amósanse algúns dos máis significativos:

Sistemas de previsión social:

  1. Cobertura de garantías en caso de incapacidade ou falecemento a través dun seguro colectivo de vida e accidente.
  2. Fondo social para facer fronte a situacións especiais, como atencións médicas e situacións graves non protexidas pola Seguridade Social.
  3. Campañas de saúde e medicina preventiva: tratamento do tabaquismo, detección precoz de cancro, prevención do risco cardiovascular, plans de drogodependencia e alcoholismo etc.
  4. Axuda para empregados que teñen fillos con discapacidade.
  5. Complementos de ata o 90% do salario en casos de perda de poder adquisitivo por situacións de incapacidade temporal derivada de enfermidade común ou accidente de traballo nos casos de baixas prolongadas.
  6. Asistencia sanitaria básica a través do servizo médico de empresa.
  7. Anticipos sen intereses de ata tres mensualidades do salario base para facer fronte a gastos extraordinarios, con devolución nun prazo máximo de 18 meses.
  8. Redución no prezo xeral dos billetes para traxectos en tren.
  9. Flexibilidade horaria e outras medidas de conciliación

Campañas de medicina preventiva:

  1. Campaña de vacinación antigripal.
  2. Dieta e prevención do cancro colorrectal.
  3. Prevención do cancro de próstata.
  4. Prevención do risco cardiovascular.
  5. Prevención e tratamento do tabaquismo.
  6. Saúde xinecolóxica.
  7. Vacinación contra o tétano e a difteria.
  8. Vacinación contra a hepatite B.

Os empregados e a innovación

En 2008 celebrouse a XIV edición do Concurso de Proxectos de Innovación, co que Renfe incentiva, protexe e recoñece o labor dos sistemas de participación nas súas tres modalidades: GIM (Grupos de Innovación e Mellora), EIM (Equipos de Innovación e Mellora) e iniciativa individual. O concurso premia catro modalidades de iniciativas, tendentes a favorecer a mellora continua de Renfe: a xestión e os procesos, a responsabilidade social, o medio ambiente e a iniciativa individual. Os proxectos gañadores execútanse de acordo cos recursos e o calendario establecido no desenvolvemento de cada proposta.


Renfe e os seus clientes

Compromiso de puntualidade

Renfe esfórzase por garantirlle ao cliente a máxima puntualidade dos seus servizos de transporte. Os resultados deste esforzo plásmanse nas elevadas porcentaxes de puntualidade que rexistran todos os servizos de todas as áreas de actividade, entre os que destacan os de Alta Velocidad-Larga Distancia, próximos ao 100%. En Europa, Renfe rompe tópicos e avantaxa folgadamente os operadores británicos, alemáns ou suízos, cuxa puntualidade sempre foi proverbial, e ata Francia, pioneira e abandeirada da alta velocidade continental. Comparada con operadoras multinacionais, como Thalys ou Eurostar, Renfe tampouco queda atrás: supera en máis de cinco puntos os mellores resultados destas compañías, cuxo nivel de calidade está considerado en todo o mundo como modélico.

Ningunha empresa ferroviaria do mundo reintegra o importe do billete como o fai Renfe, a partir de 5 minutos de atraso na liña Madrid-Sevilla e a partir de 15, 20, 30 ou 60 minutos no resto das conexións. O compromiso de puntualidade de Renfe é o máis favorable para o cliente do mundo. Poucas empresas compensan os seus viaxeiros por atrasos inferiores a unha hora, case ningunha ofrece indemnizacións equivalentes ao 100% do billete e a inmensa maioría das que o fan entregan bonos de viaxe.

Compromiso coa innovación. A renovación da flota

Renfe avanza na execución do compromiso que lle fará investir case 6000 millóns de euros na posta en servizo de 560 novos trens entre 2004 e 2010. Deles 72 corresponden a servizos Ave, 73 a Alvia, 10 a Trenhotel, 60 a Avant, 122 a Media Distancia Convencional e 223 a Civia de Cercanías, ademais de 100 locomotoras de mercancías. Deste xeito, na actualidade Renfe conta con tres trens e unha locomotora nova cada semana.

Deste xeito, Renfe contará en 2010 coa flota de trens máis nova, moderna, versátil e con maiores prestacións de Europa.


Renfe e a acción social

Somos conscientes de que non podemos desenvolver a nosa actividade de forma allea ao medio social que nos rodea. Por iso queremos apoiar os colectivos desfavorecidos, colaborar con centros especiais de emprego para a subcontratación de servizos e colaborar tamén con ONG e fundacións.

Centros especiais de emprego

Fundación Jardines de España

Renfe renovou o seu convenio de colaboración coa Fundación Jardines de España, entidade dedicada á integración social de diminuídos psíquicos que lles dá a posibilidade a persoas con esta problemática de traballaren na conservación e no mantemento dos xardíns do complexo de oficinas de Renfe ‘Las Caracolas’ (Madrid). Esta colaboración vénse desenvolvendo desde 2005.

Asociación “Ayúdale a Caminar”

Renfe encargoulle á asociación ‘Ayúdale a Caminar’, centro especial de emprego que ten por obxectivo a integración laboral de persoas con discapacidade, a dixitalización e catalogación do seu arquivo fotográfico histórico, que recolle 66 anos de trens, estacións, viaxeiros, inauguracións reais, crónica social e historia. Un importante legado de 190 000 imaxes, entre papel, negativos e diapositivas, que percorren a historia do transporte ferroviario español desde a década dos corenta. Esta colaboración vénse desenvolvendo desde 2005, e ata o momento dixitalizáronse 43 000 imaxes.

Centro especial de emprego “CAILU”

Renfe colabora co centro especial de emprego “CAILU”, Centro Andaluz de Integración Laboral Unificada, unha organización que apoia a integración laboral e social das mulleres con minusvalía de ata o 65%, con especial énfase nas mulleres cuxa discapacidade procede ou se viu agravada pola violencia de xénero. O apoio tradúcese na adquisición de artigos de merchandising elaborados por esta organización, por un valor superior a 6000€.

Axuda humanitaria

Transporte de axuda humanitaria

Durante 2007, Renfe Mercancías colaborou no transporte por contedor de materiais de axuda humanitaria para as ONG Comercio para el Desarrollo (COPADE), Desarrollo Integral de los Pueblos, Fundación Prodein e Secretariado Latinoamericano, entre outras. Neste período realizáronse 120 envíos de contedores de 20 e 40 pés.

Transportista oficial de Salvamento, Ayuda y Rescate Español

Renfe é transportista oficial de Salvamento, Ayuda y Rescate Español (SAR). Esta organización ten como obxectivo fundamental mitigar os efectos producidos por catástrofes no menor tempo posible, así como a súa prevención, a educación para conseguir minimizar os seus efectos e a cooperación, o rescate e a atención ás persoas que sofren, en calquera parte do mundo, a causa de terremotos, movementos de terras, atentados, avalanchas, inundacións ou calquera outro fenómeno que implique a axuda a persoas desprotexidas. Cómpre destacar a súa actuación durante o terremoto de Pisco, en Perú.


Renfe e a saúde

Apoio aos enfermos de esclerose múltiple

Renfe colabora coa Asociación Española de Esclerose Múltiple (AEDEM) nos desprazamentos dos seus membros para a realización de viaxes en tren dentro da súa área de atención e apoio aos enfermos e familiares afectados por esclerose múltiple.

Fomentando a saúde oftalmolóxica

Renfe colabora coa Fundación Mirada Solidaria, orientada a promover actuacións en Bolivia no campo da saúde en xeral e da visión en particular. Concretamente, a compañía ferroviaria apoiou a organización dunha campaña para realizar 100 cirurxías de cataratas.

Concienciación sobre a fibrose quística.

Renfe presta o seu apoio á Federación Española de Fibrose Quística. O día 25 de abril, Día Mundial da Fibrose Quística, Renfe colabora coa divulgación de contidos da federación nas máquinas de autovenda de sete núcleos de Cercanías, co obxectivo de concienciar a poboación acerca desta enfermidade.

Empresa colaboradora da FAD

Renfe colabora coa Fundación de Axuda contra a Drogadición, unha institución privada, sen ánimo de lucro e de carácter benéfico-asistencial cuxa misión fundamental é a prevención do consumo de drogas e as súas consecuencias. Renfe colaborou coa FAD mediante o patrocinio das súas actividades dirixidas a previr o consumo de drogas e as súas consecuencias, así como a impulsar, apoiar e desenvolver programas e experiencias de prevención nos ámbitos escolar, familiar e comunitario, cos que trata de resolver estes complexos problemas.

Así mesmo, durante a pasada Eurocopa de Fútbol, Renfe organizou conxuntamente coa FAD e a Federación Española de Fútbol o concurso “A selección contra as drogas”. O obxectivo deste concurso é implicar toda a afección española nunha loita aínda máis importante ca a consecución do título europeo: a prevención do consumo de drogas entre adolescentes e mozos españois.

Asociación de Pais de Nenos con Cancro de Andalucía

ANDEX é unha asociación que traballa na mellora das condicións de vida dos nenos con cancro e das súas familias. Renfe colabora nos desprazamentos das familias de escasos recursos económicos, para que os nenos con cancro poidan recibir tratamento médico noutros hospitais lonxe do seu domicilio habitual.

Fundación Linfoma y Leucemia

Renfe colabora coa Fundación Linfoma y Leucemia. Esta fundación dedícase a axudar as persoas que sofren doenzas e enfermidades cuxo diagnóstico, tratamento e curación esixen coñecementos da especialidade de hematoloxía e hematoterapia, así como a proporcionar axuda económica e psicolóxica aos enfermos ou ao seu medio familiar.

Fundación “Step by Step”

Renfe colabora con esta fundación, que ten como obxectivo a recuperación de persoas afectadas por patoloxías neurolóxicas con afectación do sistema nervioso central mediante un innovador tratamento de fisioterapia, especialmente nos casos de lesión medular.

Fundación “Pequeño Deseo”

A Fundación Pequeño Deseo ten como misión facer realidade os desexos de nenos e nenas con enfermidades crónicas ou de mal prognóstico como terapia para mellorar o seu estado anímico. Renfe colabora con esta entidade proporcionando o transporte dos nenos e nenas durante as actividades programadas pola fundación para eles.

Campamentos para nenos con cardiopatías

Renfe colabora coa Fundación Menudos Corazones, dedicada a facilitar o desenvolvemento integral e a mellora da calidade de vida dos nenos, mozos e adultos que padecen cardiopatías conxénitas.

Renfe colabora coa fundación facilitando o transporte dos menores e adolescentes da institución que participan en campamentos de verán.


Renfe e a violencia de xénero

Acordo co Ministerio de Igualdad

Renfe asinou un acordo co Ministerio de Igualdad para colaborar en diversas accións de difusión das campañas de violencia contra a muller que desenvolve este ministerio. Con isto, Renfe contribúe a erradicar todos aqueles ataques materiais e simbólicos que afectan as mulleres, a súa liberdade, a súa dignidade, a súa seguridade, a súa intimidade e a súa integridade moral e/ou física.

Atención á muller

Renfe apoia as actividades desenvolvidas pola Fundación Genus, unha organización cuxo obxectivo principal é a atención á muller e á súa problemática de xénero, con especial dedicación a mulleres discapacitadas e, prioritariamente, a aquelas que o son como consecuencia da violencia de xénero. Adicionalmente, Renfe adquiriu produtos de merchandising realizados polo centro especial de emprego “CAILU”, desta mesma fundación, por un valor superior a 6000€.

Deporte contra a violencia de xénero

Renfe promoveu, xunto co Ministerio de Trabajo, o Consejo Superior de Deportes e a Real Federación Española de Balonmán, a campaña ‘O balonmán español contra a violencia sobre a muller’. Antes de iniciar os encontros, a Selección Española Masculina de Balonmán saíu ao campo de xogo exhibindo a mensaxe ‘O balonmán contra a violencia sobre a muller’. A federación tamén mostrou a adhesión a esta iniciativa en todas as probas do Circuíto Español de Balonmán Praia e o Campionato de España de Balonmán Praia.

Por outra banda, Renfe patrocinou a campaña ‘O rugby contra a violencia sobre a muller’, promovida polo Ministerio de Trabajo, o Consejo Superior de Deportes e a Federación Española de Rugby. Como parte da campaña, no Campionato de Europa de Rugby Feminino a Selección Española alzou unha pancarta co lema ‘O rugby contra a violencia sobre a muller’, no partido que disputou contra Holanda. Ao finalizar o partido e ante a presenza de todos os equipos finalistas deste torneo –España, Holanda, Inglaterra e Francia–, a capitá do equipo español, Isabel Rodríguez, leu o seguinte comunicado: “Homes e mulleres, xogadores e afeccionados ao rugby, manifestamos a nosa repulsa contra a violencia sobre as mulleres. Non á violencia contra as mulleres! Esta é a competición máis importante”.

Sensibilización sobre a violencia contra a muller

Renfe asinou un convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Políticas de Igualdade para promoveren actuacións de sensibilización no tocante á violencia de xénero e sobre as dificultades de integración social das mulleres vítimas desta violencia.


Renfe e as fundacións, as asociacións e as ONG

Padroado da Fundación da Cruz Vermella.

Renfe é patrón da Fundación da Cruz Vermella Renfe, en recoñecemento ao labor salientable que esta ONG veu desenvolvendo en España desde hai máis de 130 anos.

Fundación Terra de Homes

Renfe colabora coa Fundación Terra de Homes no programa “Viaxe cará á vida”, dentro do cal se realizan distintos desprazamentos de nenos que chegan a Madrid para trasladárense a Sevilla ou a Málaga, onde son intervidos da súa enfermidade en hospitais.

Festival flamenco “Pá Tos”

Renfe patrocina o festival flamenco “Pá Tos”, organizado pola Fundación Gomaespuma co obxectivo de recadar fondos para os proxectos da fundación. Os proxectos desenvolvidos pola Fundación Gomaespuma céntranse principalmente nos nenos, en levar a educación a lugares empobrecidos, para que os seus habitantes poidan reafirmarse na súa propia cultura e teñan máis adiante a capacidade de compartila con outras.

Torneo Paddle Solidario de Axuda en Acción

Renfe apoia o X Torneo Benéfico de Paddle de Axuda en Acción coa contribución dunha cantidade, en concepto de cota de subscrición ao torneo, para a realización da súas actividades fundacionais co obxecto de recadar fondos para o proxecto “Apoio á formación profesional e xeración de emprego para persoas con discapacidade en San Juan de Lurigancho (Lima, Perú)”.

Renfe, socio protector de CEFAES

Renfe é socio protector de CEFAES (Centro de Educación Familiar Especial). O centro, cuxa presidenta de honor é S.M. a Raíña, encárgase de apoiar e asesorar as familias con fillos deficientes psíquicos na súa tarefa educativa. En 2007, Renfe colaborou con CEFAES na realización do programa ‘Aprender desde o fogar’, na súa área de Educación Vial.

Renfe patrocina con RSF a exposición Humoristas gráficos pola liberdade de prensa

O compromiso de Renfe coa liberdade de expresión plásmase no seu apoio á ONG Reporteiros sen Fronteiras (RSF), da que é patrocinador e transportista oficial. Renfe colabora na exposición de RSF Humoristas gráficos pola liberdade de expresión, que desenvolve a súa terceira edición a partir de febreiro de 2009 en distintos centros de El Corte Inglés de Cádiz, Valencia, Pamplona, Zaragoza, Barcelona, Madrid e Xixón.

Acollida de nenos refuxiados

Renfe colabora coa Fundación Integración y Solidaridad (FINSOL), unha organización que traballa desde 1997 en prol do benestar e da mellora da calidade de vida de menores que sofren persecución, exilio e penurias ocasionadas pola guerra ou o abandono. Actualmente, céntrase en facilitar o acollemento temporal de nenos e nenas orfos, refuxiados e desprazados dos seus fogares como consecuencia dos conflitos militares e das inxustas situacións que padecen ao seu redor. A través de FINSOL as familias españolas que así o desexan poden acoller durante os meses de xullo e agosto estes menores.

Concerto pola Paz

Renfe colabora co Movemento pola Paz no concerto ‘Flamencos pola Paz’, que se celebra coincidindo co Día Internacional da Paz. No evento participan artistas flamencos da altura de Esperanza Fernández, El Lebrijano, Olga Pericet ou Antonio Canales.

Tren da alegría

Renfe colabora con Radio Voz de Galicia no denominado ‘Tren da alegría’, un proxecto cuxo obxectivo é recoller xoguetes para entregarlles aos nenos que, na festividade dos Reis Magos, non poden dispoñer deles. Este tren, que circula pola Coruña, só admite nenos, acompañados por un adulto, que cumpran unha condición: levar un ou varios xoguetes que xa non usen ou que queiran compartir. Estes son recollidos pola Cruz Vermella Española, que os reparte posteriormente por hospitais, centros de asistencia ao menor e outros colectivos.

© Renfe. Todos os dereitos reservados.
Información legal |