Renfe

Condicións xerais de Renfe Mercancías

Condicións xerais de Renfe Mercancías no tráfico internacional ferroviario para a súa adaptación á nova COTIF 1999

Vixente a partir do 1 de xullo de 2006.

1. Ámbito de aplicación, bases contractuais

1.1 Para os contratos de transporte con Renfe Operadora no tráfico internacional de mercancías por ferrocarril son válidas as“Regras uniformes relativas ao contrato de transporte internacional de mercancías por ferrocarril (CIM)” e as “Condicións xerais de transporte para o tráfico internacional ferroviario de mercancías” (véxase anexo), a non ser que as disposicións seguintes conteñan regulacións diferentes ou sempre que non contraveñan o dereito coercitivo.

1.2 Para o transporte internacional dos vagóns de mercancías baleiros que non sexan expedidos como “vehículos ferroviarios transportados como mercancía sobre as súas propias rodas”, segundo o CIM, son válidas as “Regras uniformes relativas aos contratos de utilización de vehículos no tráfico ferroviario internacional (CUV)”, sempre que non sexa de aplicación ningunha estipulación contractual en contrario. As “Disposicións de Renfe Operadora para o tráfico ferroviario internacional” son válidas sempre que se refiran ao transporte de vagóns de mercancías como medio de transporte ou á declaración de expedición CUV.

1.3 Sempre que as condicións mencionadas nos puntos 1.1 e 1.2 non conteñan ningunha regulación ou se remitan aos regulamentos ou ás condicións do transportista, aplícanse as condicións de contratación / tarifas / listas de prezos vixentes para o transporte nacional dos transportistas competentes para o tramo de liña correspondente, segundo o contrato de transporte.

1.4 As condicións do convenio co cliente rexen de forma prioritaria para o contrato de transporte individual.

1.5 No caso de transporte sucesivo, o primeiro transportista é o transportista contractual no sentido do art. 3 do CIM. Cando nas condicións e tarifas se fala de “transportista”, enténdese por este exclusivamente o transportista contractual ou o transportista sucesivo.

2. Condicións xerais de transporte para o transporte internacional ferroviario de mercancías (CGT-CIM)

2.1 Definicións

Para os efectos das presentes Condicións xerais de transporte (CGT-CIM), por:

2.1.1 “CIM” designa o Convenio internacional relativo ao transporte de mercancías por ferrocarril, apéndice B ao Convenio sobre transportes internacionais ferroviarios (COTIF 1999).

2.1.2 “Transportista” designa o transportista contractual ou transportista sucesivo.

2.1.3 “Transportista substituto” designa un transportista que non subscribiu o contrato de transporte co expedidor, mais a quen o transportista indicado no apartado b) anterior confiou, total ou parcialmente, a execución do transporte ferroviario.

2.1.4 “Cliente” designa o expedidor e/ou destinatario mencionado na carta de porte.

2.1.5 “Acordo cliente” designa o acordo particular subscrito entre o cliente ou un terceiro dunha banda e o transportista doutra, relativo a un ou varios transportes sometidos ás Regras uniformes CIM.

2.1.6 “CIT” designa o Comité Internacional de Transportes Ferroviarios, asociación de dereito suízo dotada de personalidade xurídica, con sede en Berna, e cuxo obxectivo concreto é a aplicación uniforme e a transposición do dereito de transporte internacional ferroviario rexido polo COTIF.

2.1.7 “Guía carta de porte CIM (GLV-CIM)” designa o documento do CIT que contén as instrucións para a utilización da carta de porte; tamén está dispoñible na páxina www.cit-rail.org.

2.1.8 “Transporte combinado” designa o transporte intermodal de unidades de transporte intermodal en que a maior parte do traxecto se efectúa por ferrocarril, a través de vías de navegación interior ou por mar, e cuxos percorridos iniciais e/ou terminais se realizan con outro modo de transporte.

2.2 Ámbito de aplicación

2.2.1 As CGT-CIM regulan a relación xurídica entre o transportista e o cliente para os transportes suxeitos ás Regras uniformes CIM; aplícanselles así mesmo aos contratos de transporte nos casos de ampliación do ámbito de aplicación do artigo 1 CIM e en todos os casos en que así o acorden as partes do contrato.

2.2.2 As CGT-CIM forman parte íntegra do contrato de transporte desde a súa sinatura.

2.2.3 As cláusulas contractuais derrogatorias ás partes do contrato prevalecen sobre as das CGT-CIM.

2.2.4 As Condicións xerais do cliente aplícanse unicamente cando as partes do contrato así o acordan expresamente.

2.3 Execución do transporte

2.3.1 O transportista pódelle confiar a execución do transporte, total ou parcialmente, a un ou varios transportistas substitutos. O transportista dará indicacións acerca do transportista substituto antes do transporte unicamente por pedimento expreso do cliente.

2.3.2 No caso de restricións de tráfico, pódese suspender total ou parcialmente a execución do transporte. Estas restricións de tráfico notificaránselle sen demora ao cliente afectado na forma escrita adecuada.

2.4 Carta de porte

2.4.1 Á falta dun convenio especial, o expedidor debe cubrir a carta de porte.

2.4.2 A GLV-CIM contén as indicación útiles para a utilización da carta de porte.

2.4.3 De acordo co artigo 6, §sect; 9 do CIM, a carta de porte pódese emitir en forma de rexistro electrónico de datos. As partes do contrato determinan os detalles da utilización dunha carta de porte electrónica nun convenio particular. A impresión de saída da carta de porte electrónica de acordo coas anteriores disposicións da GLV-CIM é aceptada polas partes do contrato de transporte, que lle recoñecen o mesmo valor que á carta de porte en papel.

2.5 Posta a disposición dos vagóns polo transportista

2.5.1 Cando o cliente requira a posta a disposición dos vagóns, unidades de transporte intermodal ou accesorios, deberá responder da regularidade, exactitude e carácter completo das súas indicacións, concretamente da correspondencia do seu pedido cos transportes previstos.

2.5.2 O transportista subministra o número de vagóns, unidades de transporte intermodal ou accesorios apropiados, dentro dos límites das disposicións contractuais e das capacidades dispoñibles. O material posto a disposición entrégase nun estado técnico e de limpeza que permita a utilización prevista. O cliente ha de comprobar a presenza de defectos visibles no material posto a disposición e comunicarlle inmediatamente calquera defecto ao transportista.

2.5.3 O cliente só utiliza o material subministrado no marco dos transportes previstos.

2.5.4 O cliente responderá de calquera dano (avaría e perda) sobre o material posto a disposición, causado por este ou por un terceiro en quen delegase.

2.6 Carga e descarga

2.6.1 Á falta dun convenio especial, a carga da mercancía correspóndelle ao expedidor e a descarga ao destinatario.

2.6.2 Á falta dun convenio especial, esta obriga do cliente segundo o apartado 6.1 inclúe tamén, en tráfico combinado, a carga da unidade de transporte intermodal no vagón ou a súa descarga.

2.6.3 Sen prexuízo das disposicións legais imperativas ou do estipulado no convenio especial, as especificacións do transportista aplícanse á elección do tipo de vagón, a carga, a descarga da mercancía e a restitución do vagón ou da unidade de transporte intermodal. En concreto, o cliente ten a obriga de restituír os vagóns e as unidades de transporte intermodal postos á súa disposición nun estado de limpeza axeitado.

2.6.4 O expedidor precintará os vagóns cubertos na medida en que o dereito nacional o prevé ou se así o acordase co transportista.

O expedidor ten que precintar os grandes contedores, as caixas móbiles, os semirremolques e as demais unidades de transporte intermodal pechadas utilizadas en transporte combinado e que se entregan cargadas para o seu transporte; para determinados transportes, poderase renunciar ao precintado, mediante convenio entre o expedidor e o transportista.

2.6.5 Á falta dun convenio especial sobre os prazos de carga e descarga, aplicaranse as especificacións do transportista.

2.6.6 Cando o cliente lixase a zona de carga ou descarga e as vías de acceso terá que limpalas de forma inmediata e asumir el todos os custos.

2.7 Embalaxe

Cando, pola súa natureza ou estado, a mercancía esixa unha embalaxe, o expedidor terá que embalala de tal xeito que se evite calquera perda total ou parcial e avaría durante o transporte, e que non represente ningún risco de danar as persoas, o material ou outras mercancías. Ademais, a embalaxe estará conforme coas posibles especificacións particulares de embalaxe do transportista.

2.8 Gastos

2.8.1 Os gastos que teñen que ser pagados polo cliente inclúen:

  • a) o prezo do transporte, é dicir, todos os gastos relativos á prestación do transporte ou a unha prestación directamente vinculada ao transporte entre o lugar de recollida e o de entrega
  • b) os gastos accesorios, é dicir, aqueles relativos a unha prestación adicional executada polo transportista
  • c) os dereitos de aduana, é dicir, dereitos aduaneiros, taxas e demais importes percibidos polas aduanas e as demais autoridades administrativas
  • d) os demais gastos xustificados polo transportista mediante os documentos axeitados

A lista dos principais gastos e os seus códigos figura na GLV-CIM.

2.8.2 Agás que exista un convenio relativo ao cálculo dos gastos, aplicaranse as listas de prezos, tarifas e condicións do transportista que efectúe a prestación segundo o contrato de transporte.

2.8.3 A cuestión de saber quen asume que gastos determínase cunha mención na carta de porte conforme a GLV-CIM. O acordo cliente pode prever o uso exclusivo destas mencións, ou outras.

O transportista pode esixir que o cliente anticipe os gastos ou outras garantías.

2.8.4 Cando o cálculo dos gastos requira a conversión dunha moeda, o curso de conversión utilizado será o que estea en vigor:

  • a) o día da recollida da mercancía para aqueles gastos asumidos polo expedidor
  • b) o día da posta a disposición da mercancía para aqueles gastos asumidos polo destinatario

2.9 Prazos de entrega

2.9.1 Na medida en que o prazo de entrega se acordou entre o expedidor e o transportista, non se aplicarán os prazos adicionais que figuran no apartado 9.2.

2.9.2 Para os envíos que utilicen

  • a) unhas liñas cun largo de vía distinto
  • b) o mar ou unha vía de navegación interior
  • c) unha estrada se non existe enlace ferroviario

a duración adicional dos prazos de entrega fixada segundo o artigo 16 CIM determínase segundo as especificacións en vigor no lugar afectado e debidamente publicadas.

2.9.3 No caso de circunstancias extraordinarias que impliquen un desenvolvemento anormal do tráfico ou dificultades anormais de funcionamento, a duración dos prazos adicionais determinarase de acordo coas comunicacións debidamente publicadas polo transportista ou a súa autoridade competente.

2.10 Ordes ulteriores e instrucións

2.10.1 As ordes ulteriores do expedidor para modificar o contrato de transporte só se admitirán de o expedidor indicar na carta de porte a mención “Destinatario non autorizado para dispoñer da mercancía”. En especial, pódense acordar outras mencións na carta de porte, concretamente no acordo cliente.

2.10.2 As ordes ulteriores do cliente (artigos 18 e 19 do CIM) e os impedimentos no transporte e na entrega (artigos 20, 21 e 22 do CIM) redactaranse de acordo coa GLV-CIM e comunicaranse na forma escrita axeitada (carta, fax, correo electrónico etc.).

O cliente acompañará a copia da carta de porte ás súas ordes ulteriores ou ás súas instrucións. No caso de impedimento para o transporte, a copia da carta de porte só se entregará cando o cliente pida unha modificación do destinatario ou do lugar de entrega.

2.10.3 Para gañar tempo, o cliente poderá informar simultaneamente o transportista e o transportista substituto.

2.10.4 No caso dunha modificación do contrato de transporte que teña como efecto dar por finalizado dentro dun territorio aduaneiro (p. ex. a Unión Europea) un transporte que tiña que terminar fóra del, ou á inversa, esta modificación só se poderá executar tras o correspondente acordo coa oficina de aduanas de saída.

2.11 Recollida e entrega

2.11.1 Para recoller a mercancía destinada ao transporte e acceder á terminal, lugar de carga ou apartadoiro particular na saída son determinantes os convenios subscritos entre o expedidor e o transportista que recolle a mercancía segundo o contrato de transporte. En canto aos excedentes, a recollida efectuarase de acordo coas especificacións en vigor no lugar de recollida.

2.11.2 Para entregar a mercancía e acceder á terminal, lugar de descarga ou apartadoiro particular no lugar de destino son determinantes os convenios subscritos entre o destinatario e o transportista que entrega a mercancía segundo o contrato de transporte. En canto aos excedentes, a entrega efectuarase de acordo coas especificacións en vigor no lugar de entrega.

2.12 Reclamacións

As reclamacións (artigo 43 CIM) serán motivadas. Pódense achegar todos os documentos necesarios para determinar a pertinencia da reclamación, e en concreto o valor da mercancía.

2.13 Litixios

No caso de litixio, as partes contratantes intentarán chegar a unha solución amigable. Para tal efecto, poderán acordar un procedemento de conciliación, mediación ou arbitraxe, e concretamente o previsto no título V do COTIF.

2.14 Confidencialidade

Prodúzase ou non a finalización do contrato, a parte que durante unhas negociacións reciba unha información dada a título confidencial por parte da outra comprométese a non difundila nin utilizala para outros fins que non sexan aqueles inicialmente previstos.

2.15 Prazos de entrega

O transportista pode fixar prazos suplementarios de duración determinada nos casos seguintes:

  • a) envíos que utilicen liñas de distintos largos de vía: prazo de 48 horas ou 2 días laborables, exceptuados sábados, domingos e días de festa legais correspondentes.

© Renfe. Todos os dereitos reservados.
Información legal |