Dende o ano 2005 o Núcleo de Cercanías de Bilbao conta coa certificación de calidade segundo a norma UNE-EN 13816 (Transporte público de pasaxeiros), norma que establece unha serie de criterios e niveis de calidade do servizo, asociada á Carta de Servizos, tamén certificada, que recolle os compromisos de Renfe cos seus clientes e cuxo grao de cumprimento damos a coñecer a clientes e público en xeral a través da Web de Renfe.
Os resultados do ano 2022 estiveron, en termos xerais, dentro dos parámetros esixidos pola norma e establecidos na Carta de Servizos; e foron os seguintes:
Oferta xeral do servizo.
O servizo xeral de trens adáptase ás necesidades e expectativas dos clientes segundo os resultados obtidos na Enquisa de Calidade Percibida de 2021. O nivel de Exixencia e a Situación Inaceptable modificáronse segundo os resultados da enquisa, obtendo resultados máis esixentes que o ano anterior.
Grao de ocupación.
O 100 % dos usuarios realizaron a súa viaxe cun nivel de ocupación inferior a 4 viaxeiros de pé por metro cadrado, segundo os datos do estudo anual de capacidade. O nivel de esixencia é > 90 %. Cúmprese facilmente, obtendo resultados do 100 %.
Accesibilidade interna: mantemento.
Máis do 96,79 % dos usuarios atoparon os dispositivos mecanizados (ascensores, rampas, escaleiras mecánicas e controis de acceso) para superar barreiras nas estacións, dispoñibles e en pleno funcionamento.
Emisión de billetes: adquisición na rede e validación.
O 100 % dos usuarios da liña C1, o 99,94 % da liña C2 e o 99,99 % da C3 puideron mercar os seus títulos de transporte antes de acceder ao tren, xa sexa en despachos de billetes ou en máquinas autovenda. O 99,24 % dos viaxeiros da liña C1, o 99,37 % da liña C2 e o 99,60 % da liña C3 poden validar os seus billetes antes e despois da viaxe.
Información en trens e estacións:
O 100% dos clientes do Núcleo de Bilbao atoparon nos trens cos que se presta o servizo a información necesaria sobre o servizo ofertado, que foi actualizada periodicamente.
O 100 % dos viaxeiros puido consultar nas estacións de todas as liñas a información necesaria sobre o servizo ofertado, que tamén foi actualizada periodicamente.
Puntualidade: cumprimento da oferta comercial.
O 97,80 % dos trens da liña C1, o 92,50 % dos da liña C2 e o 91,93 % dos da liña C3 chegaron a tempo ao seu destino. Considérase que se cumpre a oferta comercial cando a porcentaxe de trens chegados ao destino, con 3 minutos ou menos de atraso, é superior ao 98,5 %, incluíndo os trens suprimidos ou non circulados, que se contabilizan como chegados con máis de 3 minutos de atraso.
Orientación ao cliente.
Segundo os datos das Enquisas de Calidade Percibida por liñas de 2021, a valoración global sobre 10 é de 7,29 para a C1, 6,44 para a C2 e 6,12 para a C3. A liña C1 cumpre o seu compromiso cos clientes.
Relacións cos clientes: reclamacións.
O 40,67 % das reclamacións foron contestadas nun prazo menor a 20 días.
Atención ao cliente: Dispoñibilidade nas estacións.
O 100 % dos viaxeiros tiveron acceso ao horario garantido de atención persoal ao público, nas estacións nas que está establecido.
Condicións ambientais: climatización.
Practicamente o 100 % dos clientes das liñas C1, C2 e C3 viaxaron con aire acondicionado axeitado, o que garante a comodidade dentro do tren.
Limpeza: plan de limpeza en trens e estacións.
Dispónse dun plan de limpeza e conservación que permitiu que os usuarios atopasen as estacións e trens cun grao de limpeza axeitado e satisfactorio. A percepción dos viaxeiros en trens, segundo os datos da Enquisa de Satisfacción dos Clientes de 2021, é de 8,23 na Liña C1, 7,85 na Liña C2 e 7,21 na Liña C3, todas superiores ao valor comprometido. Nas inspeccións periódicas realizadas, alcánzase a puntuación máxima (10). A limpeza nas estacións foi valorada polos clientes cun 8,02 na C1, 7,25 na C2 e un 7,01 na C3, sendo o nivel de esixencia 7 e considerándose fóra das expectativas do cliente calquera valor inferior a 6 sobre 10.
Telecomunicacións: interior do tren.
A funcionalidade dos equipos de teleindicadores e megafonía dos trens quedou garantida no 99,93 % dos desprazamentos nas liñas C1 e C2 e no 99,82 % na liña C3.
Protección contra agresións.
Tanto en trens coma en estacións, a sensación de seguridade fronte á delincuencia supera as expectativas dos viaxeiros en todas as liñas. 6,63 na Liña C1, 6,06 na C2 e 5,88 na C3, cumprindo o compromiso de que a diferenza entre a satisfacción e a expectativa non supere o 10 % establecido.
Xestión de emerxencias
Os clientes están protexidos nos seus desprazamentos por un Plan de Emerxencia actualizado periodicamente e visible a indicación de actuación en caso de emerxencia, tanto nos trens como nas estacións, incluíndo un plano a tal efecto.
Consumo enerxético.
Disponse de indicadores ambientais sobre a xestión do servizo, especialmente relativos ao consumo de enerxía, que se dan a coñecer anualmente a través da web de Renfe e que permiten, entre outros aspectos, facer un seguimento da eficiencia enerxética, co obxectivo último de contribuír ao desenvolvemento sostible.