Que ver en Oviedo? os imprescindibles 

 

Posúe o título da cidade máis limpa de España e é famosa por acoller os prestixiosos Premios Princesa de Asturias, polo seu magnífico prerrománico e pola súa sidra: beber un «culín» desa marabillosa bebida, escanciada nun vaso moi fino directamente da emblemática botella verde asturiana é unha desas experiencias ineludibles cando se visita a cidade.

Visitas Oviedo e queres saber que cousas non podes deixar de ver? Segue a ler!

os imprescindibles

Oviedo é unha cidade pequena, peonil e elegante que invita ao paseo e á boa vida. Unha cidade que soa como a ópera do Teatro Campoamor e sabe ás améndoas dos «carballones» e ás moscovitas do obradoiro Rialto.

Unha cidade na que podes sentirte en pleno bosque, se decides pasear baixo os castiñeiros e os tileiros centenarios do Campo de San Francisco, e na que podes contemplar obras dos grandes mestres da pintura española, de Zurbarán a Goya, no seu exquisito Museo de Belas Artes.

Pero sobre todo Oviedo é unha cidade na que non podes deixar de ver:

  • Monte Naranco: Este outeiro de 636 metros preside a capital asturiana e é o lugar perfecto para pasear grazas tamén ás dúas xoias do prerrománico asturiano que poderás atopar de camiño á cima. Unha vez arriba e escoltados polo impoñente monumento do Sagrado Corazón, poderás gozar dunhas vistas excepcionais que van máis alá de Oviedo, e que abranguen gran parte da rexión central de Asturias.
  • Prerrománico asturiano: Como comentábamos nas liñas anteriores, un dos principais atractivos do Naranco son as dúas igrexas prerrománicas que habitan as súas abas: a de Santa María del Naranco e San Miguel de Lillo, ambas as dúas declaradas patrimonio da humanidade pola Unesco. Pero o prerrománico está presente máis alá do Naranco. Xa no centro urbano atopamos outros exemplos deste peculiar estilo como son a igrexa de San Tirso El Real ou a igrexa de Santullano.
  • A zona histórica: Falar de Oviedo é falar de historia, e iso queda moi claro ao percorrer as súas rúas. As súas orixes ligadas á monarquía fan desta cidade un enclave monumental impresionante. A catedral de Oviedo situada na Plaza de Alfonso II el Casto é todo un espectáculo para a vista, sobre todo a súa torre gótica!

Segue o teu percorrido polo centro de Oviedo descubrindo as outras catro torres que conforman as «regias sedes» da cidade: a de Santa María La Real de la Corte, a do convento das Pelayas, a torre románica da catedral e a torre da igrexa de San Tirso el Real.

  • Plaza del Fontán: É outro dos símbolos indiscutibles da cidade. Unha praza chea de vida onde noutrora se celebraban mercados e na que na actualidade atopamos uns pintorescos soportais. Seguro que te namorará!

Símbolo cultural

Oviedo mantén a esencia decimonónica da Vetusta no que vivía Ana Ozores, a protagonista da Rexenta. E é que Clarín inspirouse na capital asturiana para crear os escenarios para a súa novela máis importante: a catedral coa súa capela, a igrexa barroca de San Isidoro, a rúa «das tendas» (actual rúa da Magdalena), a Plaza del Fontán co seu mercado…

Todo iso segue aí coma se o mundo se parase e todo merece unha visita. Se te achegas á catedral, sorprenderate a súa fachada cunha única torre, aínda que che recomendamos que entres para percorrer o seu impoluto claustro e para ver a xoia da coroa, o célebre «Pañolón de Oviedo», santo sudario celosamente gardado na Cámara Santa.

Outro bo xeito de coñecer a cidade é explorala buscando as súas esculturas e estatuas. Sorprenderate a cantidade que hai e a súa diversidade! Desde a famosa obra de Botero, A Maternidade, a estatua do cineasta estadounidense Woody Allen, pasando polo polémico Culis monumentalibus.

Gastronomía e festas

Oviedo conta cunha coñecida tradición confeiteira que seguro te animas a degustar. Pero se hai algo que non podes deixar de probar na túa visita a Oviedo son uns bos «culines» de sidra na Calle Gascona. Non te arrepentirás!

E se podes escapar á cidade en setembro, as festas de San Mateo descubriranche un Oviedo totalmente diferente, cheo de música, teatro e fogos de artificio. Por certo, no marco dos festivais non pode faltar o Día de América e o seu orixinal desfile de carrozas. Sorprenderate!

Oviedo, orixe do Camiño


 


Sabías que a orixe do Camiño de Santiago está en Oviedo? Alí naceu este itinerario relixioso e cultural da man do rei Alfonso II O Casto, considerado o primeiro peregrino. O monarca foi ata a localidade galega no ano 834, avisado polo bispo Teodomiro do «descubrimento» da tumba do apóstolo.

Este ano Xacobeo non deixes de visitar Oviedo e marabillarte cunha das zonas históricas máis fermosas e mellor conservadas. Xa sabes que, como di o dito sobre a catedral ovetense: «Quen vai Santiago e non ao Salvador, visita ao criado e non ao Señor».

Máis información en Oviedo, inicio do Camiño.

 

Como chegar a Oviedo en tren?

Tes ganas de visitar esta xoia? Desde Renfe sabemos o pesado que pode resultar viaxar, por iso che propoñemos as seguintes rutas para que poidas visitar Oviedo sen te preocupares por nada. Viaxa nos nosos trens Larga Distancia da forma máis rápida, fácil e sostible!