Ruta polas Calanques de Marsella
 

Se estás cansado da típica viaxe de turismo urbano e che apetece unha escapada relaxada e fóra do normal, temos a xoia de Marsella: les Calanques. Coñecidas polas súas espléndidas paisaxes, esta vintena de quilómetros de pequenas calas constitúen o destino perfecto para facer montañismo ou gozar dun relaxado baño nun escenario paradisíaco. Sube a un dos nosos trens AVE Internacional a Francia e descubre os segredos deste parque natural a menos de cinco horas de Barcelona.

Xurdidas na costa que une Cassis e Marsella, esas pequenas calas forman unha sucesión de brancos cantís calcarios que se precipitan sobre a auga turquesa, unha das paisaxes naturais máis escarpadas e abruptas do Mediterráneo.

Pódese acceder de distintas formas, desde alugar un coche ou coller un autobús no centro, ata facer unha excursión guiada a pé, en piragua ou en barco, pero hai que ter en conta que hai certas restricións de acceso en vehículo privado e o tráfico está moi regulado.

Aquí tes a nosa proposta para esta inesquecible escapada do leste ao oeste da Costa Azul.

Cassis

O itinerario comeza en Cassis, pintoresco porto pesqueiro da Costa Azul, que destaca polo colorido das súas casas e barcos, as súas paisaxes cheas de viñedos e a súa gastronomía costeira. Esta vila, aos pés do Cap Canaille, o cantil máis alto de Europa, é un dos segredos mellor gardados do Mediterráneo, coñecido polo seu viño e as mellores vistas da Costa Azul.

 

Porto de Cassis
 

Port Miou e Port Pin

Rumbo a Marsella, a primeira «calanque» que atopamos é a de Port Miou, a máis coñecida e extensa, cuxas escarpadas paredes penetran un quilómetro e medio cara á costa. Máis adiante cruzamos Port Pin, coñecida polo esmeralda das súas augas e detrás da cal se estenden as salvaxes Calanques no seu maior esplendor.

En-Vau

Unha das máis coñecidas e valoradas polos escaladores, é a sublime calanque de En-Vau, cuxa praia de area branca e auga cristalina nos conduce á Gruta do Demo, unha poderosa cova esculpida polas olas. Non moi lonxe atópase Castelviel, unha meseta de cristas calcarias que ofrece unhas espectaculares vistas desde o mar, detrás da cal despuntan os 460 metros de cantil da Grande Candelle.

 

Calanque de En-Vau
 

Devenson

Deseguida aparece perante a vista a vertixinosa calanque de Devenson. Culmínaa o Ollo de Vidro, unha poderosa rocha escavada no alto do muro que se converteu nun impetuoso faro natural polos seus reflexos calcarios.

Morgiou, Sormiou e les Goudes

Guiados pola brisa mariña e o perfume do bosque de piñeiros acadamos as calanques de Morgiou, a de Sormiou e les Goudes, habitadas por pequenas cabanas onde viven e traballan pescadores marselleses e que, frecuentemente, se converten en restaurantes improvisados onde degustar un bo prato de sardiñas, o cal fai ideal esta última parada do salvaxe macizo de Calanques antes do primeiro porto marsellés.

Consellos para visitar as Calanques

Malia ofrecer unhas incribles vistas, hai que ter en conta que este marabilloso percorrido de Calanques conta con sendeiros e camiños de pedras e unha meteoroloxía moi variable. É por iso polo que che aconsellamos levar o equipamento axeitado (mochila, calzado, auga e protección contra vento, sol, choiva e frío) para non sufrir ningún imprevisto.

Recomendámosche ir durante a tempada de primavera-verán, en especial a últimas horas da tarde (de 5 a 8), cando as praias practicamente baleiras nos ofrecen as mellores vistas.

 

Viaxa a Marsella en tren

Se despois desta inaudita excursión che entraron aínda máis ganas de coñecer a fondo a segunda cidade máis grande de Francia, podes consultar os 10 lugares imprescindibles de Marsella que debes ver antes de marchar.​

​E se queres seguir rodeándote do máis puro estilo francés, podes visitar moitas outras cidades conectadas polos nosos trens AVE Internacional entre España e Francia, que te levan de centro a centro da cidade: Perpiñán, Narbona, Béziers, Montpellier, Nîmes, Aviñón, Aix-en-Provence, Valence ou Lión. Ti elixe como queres a viaxe, nós poñemos os destinos e o transporte.

Coñeces os nosos descontos? Aprovéitaos e obtén o mellor prezo no teu billete de tren.