Coñeces Montpellier? Descubre en tren esta cidade do sur de Francia, situada na rexión de Occitania. Cruzada por dous ríos, o Lez e o Mosson, e a tan só 11 km do mar, é unha cidade cun carácter único. Historia e tradición mestúranse co seu estilo aberto e vangardista.
O seu patrimonio fixo que fose galardoada co selo de Cidade e País Histórico-Artístico. Perderse polas súas calellas medievais, mentres gozas da historia viva da cidade, é todo un luxo. O seu centro urbano é unha das zonas peonís máis grandes de Europa, así que poderás percorrela comodamente a pé. Aínda que, sen dúbida, non podes perder os seus incribles e divertidos tranvías de deseño, creados polo famoso deseñador Christian Lacroix.
Cos seus proxectos deseñados polos maiores arquitectos contemporáneos, Montpellier é un modelo único en Europa en canto ao seu urbanismo vangardista como o poden confirmar os barrios de Antigone, Port Marianne e Odysseum.
Que ver en Montpellier
Sen dúbida non podes perder estes lugares en Montpellier:
- Place de la Comédie. É o corazón da cidade. Obtén o seu nome do edificio da Ópera Comédie, situado na mesma praza. Tamén se atopa aí a famosa fonte das «Tres Gracias» de 1790, todo un símbolo.
- Museo Fabre. Trátase do principal museo de arte da cidade. Un edifico que mestura arquitectura antiga e moderna e que acolle obras europeas do Renacemento ata os nosos días. É case obrigatorio!
- Catedral Saint-Pierre. Situada en pleno centro, é a igrexa máis grande da rexión. Pasou de ser unha humilde capela dun mosteiro á catedral de estilo gótico que hoxe coñecemos.
- Porta do Peyrou. O Arco do Triunfo de Montpellier de 1691 é unha mostra do poder das antigas monarquías francesas. Trátase dun monumento que glorificaba ao rei Luís XIV de Francia. Desde o alto pódense contemplar unhas vistas incribles de Montpellier e os seus arredores.
- Facultade de Medicina de Montpellier. Sabías que é a facultade de medicina máis antiga do mundo? Si, si, como o les. Conta cun Museo de Anatomía catalogado como monumento histórico.
- Acueduto de San Clemente. Cunha lonxitude de 880 metros percorre o barrio de Les Arceaux. Servía para levar auga desde a fonte de San Clemente á cidade. O acueduto desembocaba nun gran depósito desde onde era redistribuída cara ás fontes da cidade e os lavadoiros públicos.
Estación de Montpellier Saint Roch
A estación de tren de Montpellier Saint-Roch é unha estación de tren francesa situada no territorio da cidade de Montpellier, no departamento de Hérault, na rexión occitana.