Se estás a buscar un lugar cun encanto especial, Oporto agarda por ti. A segunda cidade máis grande de Portugal é unha urbe chea de vida e recunchos que namoran, que soubo combinar a súa elegante decadencia con historia, patrimonio e modernidade. A súa estreita relación co Douro outórgalle unha personalidade propia, coas súas pontes, os seus monumentos, as súas adegas, as súas rúas comerciais e a súa deliciosa gastronomía. Non en van, o seu centro histórico e a Ribeira, coa famosa Ponte Don Luis I, están catalogados como Patrimonio Mundial, así que non podes quedar sen coñecelo.

Non esquezas visitar tampouco a estación de ferrocarril de San Bento, cos seus máis de 20.000 azulexos que narran a historia de Portugal, nin a Casa do Infante, antes de descubrir a Ribeira e Gaia. Gozar da vida, da gastronomía e das adegas de viño de Oporto á beira do Douro é un dos grandes praceres que esta cidade, cos seus restaurantes, terrazas e recunchos, ofrece ao viaxeiro. Soa ben, non si?
 

Que ver en Oporto

Toda escapada a Oporto debe incluír unha visita a estes lugares imprescindibles:

  • A Catedral da Sé. Trátase do seu monumento relixioso máis importante. Cunha mestura de estilos, debido ao paso dos anos, é coñecida por ser o punto de partida do Camiño de Santiago desde Oporto.
  • A Igrexa e Torre dos Clérigos. É a máis alta de Portugal e desde onde se pode gozar das mellores vistas da cidade. Atréveste a subir ao campanario?
  • A Igrexa de San Francisco. Comezou a súa construción no século XV e actualmente presenta unha mestura de estilos moi peculiar. Famosa polos seus retablos barrocos, feitos con madeira brasileira e ouro, é sen dúbida, unha parada recomendada para os amantes da arquitectura e a arte.
  • O Palacio da Bolsa. Considerado Monumento Nacional, o Palacio da Bolsa é un dos sitios máis visitados en Oporto. De arquitectura neoclásica, o Palacio da Bolsa foi sede da Asociación de Comerciantes de Oporto e pretende reflectir todo o esplendor económico da época.
  • A Casa da Música. Unha moderna sala cultural en Oporto onde se realizan concertos e eventos durante todo o ano. O deseño é obra do arquitecto holandés Rem Koolhaas.
  • Museos de Serralves. Deseñado por Siza Vieira, arquitecto portugués, é un museo onde se realizan exposicións temporais de arte contemporánea portuguesa e internacional. Se es amante da arte moderna e a arquitectura tampouco pode faltar unha visita á Escola de Arquitectura de Oporto

A que esperas? Planifica xa a túa viaxe en tren a Oporto e descubre o seu máxico encanto e por que namora a todo o mundo.

Viaxa a O Porto da forma máis sostible: en tren. Dispós dun tren internacional entre Vigo Guixar e O Porto, que ademais ten parada en Valença, Viana do Castelo e Nine, para que non perderes nada.

A paisaxe e a vexetación do río Miño acompañarante nesta viaxe.