A Cidade da Luz desprende tanta maxia que segue a ser un dos principais destinos turísticos do mundo. E un dos centros económicos máis importantes de Europa. Museos, arquitectura, gastronomía e compras: todo nunha cidade única e irrepetible.
Que ver e facer en París:
- Champs-Élysées
Unha das avenidas máis elegantes e fermosas de Europa. As marcas exclusivas teñen aquí as súas tendas, un símbolo de luxo e glamour. E, como non, é a recta final do Tour de France, onde cada ano se coroa o campión. Na época de Nadal é aínda máis atractiva, coa iluminación das árbores a ambos os dous lados da avenida.
- Tour Eiffel
Icona da cidade, non deixa indiferente a ninguén. Creada para a Exposición Universal de 1889, é unha visita obrigada. A perspectiva da cidade resulta impresionante. Ademais, podes gozar dun xantar ou cea romántica nun dos seus restaurantes. Pola noite o espectáculo é magnífico co seu escintileo.
- Pont de l’Alma
Mundialmente coñecida desde o accidente de Lady Di. A ponte foi construída en 1854 por orde de Napoleón III. Destacan catro estatuas, das que o Zuavo serve como referencia para medir as inundacións do Sena. Moi preto da ponte, atópase a réplica da laparada da Estatua da Liberdade, que se converteu nun lugar improvisado onde as persoas que así o desexan homenaxean a princesa Diana.
- Museo do Louvre
Unha das maiores concentracións de arte. Podemos atopar desde a pintura flamenca, italiana e obras de Velázquez ata salas cheas de sarcófagos exipcios, esculturas gregas, etruscas ou romanas. Non poderemos ver todo, pero seguramente non marchemos sen saudar a Mona Lisa.
- Pont Neuf
É a máis antiga e longa das pontes de París e a primeira que se construíu en pedra. Para contemplar os seus 385 mascaróns esculpidos polo escultor francés Germain Pilon, o mellor xeito é facelo desde unha das "Bateaux mouche".
- Odéon
Barrio bohemio para gozar do ir e vir dos viandantes desde unha das terrazas dos seus típicos cafés. Fachadas históricas, sinuosas colas diante dos cines… Ese é o ambiente do barrio de Odeón a calquera hora do día. Unha verdadeira concentración de vida e cultura!
- A catedral de Notre-Dame de París
Un dos motivos principais para ir á île de la Cité, onde se construíu a catedral de estilo gótico. Neste templo celebráronse acontecementos importantes: coroación de Napoleón Bonaparte, beatificación de Juana de Arco e a coroación de Henrique VI de Inglaterra. Aínda que se atopa en proceso de reconstrución por mor dun fatídico incendio, só a fermosura do seu exterior xa merece unha visita.
- Montmartre
O barrio de Montmartre esconde tesouros: un deles é o Muro dos "Ámote". A parada de metro de Abbesses é o punto de partida e en canto saímos, a poucos pasos o atopamos. A palabra «quérote» escrita en máis de 300 idiomas nun muro de 40 metros cadrados. Idea dos artistas Frédéric Baron e Claire Kitode. Seguimos o noso itinerario ata o Café des 2 Moulins, onde traballa Amélie Poulain na película de Jean-Pierre Jeunet. Non esquezas tomar un petisco antes de continuar ata Le Sacré-Coeur e contemplar a panorámica de París, para despois admirar os cadros dos pintores na Praza Tertre. Quizais nos deixemos convencer para que nos fagan un retrato simpático de recordo. Ao redor da praza, o barrio amósanos un labirinto de calellas cheas de restaurantes, cafés e tendas de cores.