Os avances tecnolóxicos están conseguindo que o transporte de mercadorías por ferrocarril se converta nun medio máis sostible e competitivo. Para isto, Renfe Mercancías acomete o seu proxecto de descarbonización, dixitalización e mellora do sistema, ao que se destinaron 122,7 millóns de euros. Case un terzo deste montante, 37,3 millóns, serán financiados cos fondos Next Generation.

Con este investimento adquiriranse plataformas e vagóns, así como locomotoras eléctricas de gran capacidade de arrastre, impulsadas por enerxía eléctrica de orixe 100 % renovable. Tamén se instalarán sistemas de redución de ruído en vagóns, a disposición do sistema de seguridade ERTMS en locomotoras, xunto coa incorporación de novas tecnoloxías para a identificación e trazabilidade do material rodante.

Neste contexto, adquiriranse 149 vagóns con bogies compatibles cos largos ibéricos e estándar, nunha licitación en dous lotes.

O primeiro inclúe 74 vagóns porta contedores de 60 pés tipo SGNSS que deberán fabricarse para unha carga máxima por eixe de 22,5 toneladas, e unha velocidade máxima de circulación de 100 km/h e deberán estar preparados para o uso de Acople Dixital Automático.

O segundo estará integrado por 75 vagóns porta semirremolques, tipo SDGGMRSS, para unha carga máxima de 22,5 toneladas por eixe e unha velocidade máxima de circulación de 100 km/h.
 

O Consello de Administración de Renfe adxudicou a Stadler Rail a construción e o mantemento, por un período de 15 anos, de 12 locomotoras eléctricas de gran potencia e largo estándar. O valor da adxudicación acada os 136,7 millóns de euros que financiará parcialmente a Unión Europea, a cal aprobou unha subvención para este proxecto de 15 millóns de euros no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Next Generation.

Renfe prevé destinar as locomotoras contratadas ao Corredor Mediterráneo no que o Administrador das Infraestruturas Ferroviarias, ADIF, está instalando o Largo Estándar UIC na Rede Ferroviaria de Interese Xeral (RFIX), o que vai supoñer o aumento da longura máxima dos trens de mercadorías ata 750 metros.

As locomotoras de gran potencia ofrecerán a Renfe Mercancías novas oportunidades de crecemento pola posibilidade de incrementar tráficos nacionais e internacionais, o que implicará un impacto positivo na actividade da compañía.