O ferrocarril é o modo de transporte máis sustentable por unidade transportada e o menos contaminante en materia de emisións. En concreto, o transporte en tren de mercancías realiza 9 veces menos emisións de CO2 ca o transporte por estrada e 160 veces menos ca o avión. A transferencia modal do transporte de mercancías aos nosos trens é, polo tanto, clave en calquera estratexia de transporte sustentable.

En 2018, o aforro xerado grazas á actividade de Renfe Mercancías alcanzou os 258 millóns de euros en custos externos, é dicir, a monetarización das consecuencias que o transporte de mercancías xera: emisión de gases contaminantes á atmosfera, consumo enerxético, sinistralidade, contaminación acústica e menor conxestión de tráfico. Do mesmo xeito, permitimos un aforro enerxético de 1631 GWh e un aforro de emisión de CO2 de 405 000 toneladas. 

Obxectivo 30 % en 2030

Se temos en conta que tanto en España como no resto de Europa o sector do transporte é un dos principais causantes de emisións, elixir o tren como socio loxístico é unha das actuacións determinantes na loita contra o cambio climático. En Renfe Mercancías sumámonos á loita contra o cambio climático e formamos parte da coalición Rail Freight Forward. Esta organización europea fráguase na COP24 de Katowice (Polonia) co obxectivo de incrementar a cota do tren no transporte de mercancías ata o 30 % na próxima década. 

 

Na actualidade, a cota do tren no transporte de mercancías sitúase no 18 % en Europa mentres que en España apenas supera o 4 %. A porcentaxe mundial, con tan só un 7 % do mercado, consome e emite menos do 2 % do total da enerxía dos gases de efecto invernadoiro do transporte. O incremento de cota non tería por que supoñer un incremento destes gases xa que o ferrocarril actualmente está electrificado en máis dun 70 %, polo que pode implementar enerxías renovables sen cambiar de tecnoloxía. En Renfe Mercancías contamos xa cun 65 % do noso parque de locomotoras electrificado.