Somos a locomotora da descarbonización do transporte

Reducimos a nosa pegada de carbono por unidade transportada un 88 % desde 1990, ano base do Protocolo de Kioto. Ante a emerxencia climática que sufrimos, reducir os seus efectos é responsabilidade de todos: empresas, gobernos, institucións, clientes. En Renfe levamos moitos anos traballando para reducir as nosas emisións ata o mínimo posible na nosa operativa diaria e, á vez, buscando atraer cada vez máis clientes ao tren, permitíndolles reducir a súa pegada de carbono.

O tren é o modo de transporte de viaxeiros e de mercancías máis eficiente en termos de consumo de enerxía e de emisións de CO2. Se temos en conta que tanto en España como no resto de Europa o sector transporte é o principal causante de emisións, elixir o tren é unha das decisións clave na loita contra o cambio climático.

En Renfe operamos trens con emisións cero, eléctricos e ecolóxicos. A gran maioría dos nosos trens circulan con electricidade cen por cento procedente de fontes renovables (con orixe certificada) e son capaces de transportar gran número de viaxeiros ou mercancías con escaso consumo enerxético. En concreto, o ferrocarril realiza entre 5 e 7 veces menos emisións de CO2 ca o transporte por estrada e entre 7 e 10 veces menos ca o avión.
 

O impacto que evitamos

Somos a mellor alternativa de mobilidade na loita contra o cambio climático. En España, coma en toda Europa, o sector transporte é responsable de arredor do 26 % do total das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), concepto que inclúe o CO2 e outros gases.

Desta porcentaxe, só o 0,3 % provén do transporte por tren. Para entender a dimensión que representa o papel do tren, calculamos a actividade dos medios alternativos que sería necesaria para substituír a mobilidade de persoas e mercancías que realizamos. Cada ano serían:

  • Automóbiles: 382 millóns de desprazamentos
  • Camións: 4,4 millóns de desprazamentos
  • Avións: 116 800 voos

O que se traduce en que cada ano evitamos: 5,7 millóns de toneladas de CO2 e aforramos 1,1 millóns de toneladas equivalentes de petróleo. E isto é moito ou é pouco? O mesmo ca o consumo doméstico de 15 millóns de habitantes (por exemplo, a suma das comunidades autónomas de Cataluña, Aragón e Valencia).

A importancia da transferencia modal ao ferrocarril pode tamén cuantificarse en termos económicos, mediante o concepto de custos externos. Ás vantaxes ambientais súmanse outras sociais e económicas (menor accidentalidade, mínima contaminación atmosférica provocada en zona urbana e unha contribución decisiva á redución da conxestión urbana).
 

As vantaxes en materia de sustentabilidade do ferrocarril para actuar contra o cambio climático poden ser aínda maiores, polo que en Renfe nos unimos a Adif e Adif Alta Velocidad para impulsar o Plan director de loita contra o cambio climático. Este plan estrutúrase en 4 liñas estratéxicas: xestión da enerxía, eficiencia enerxética, descarbonización e cultura. Podemos resumilo nun gran compromiso: reducir 9,9 millóns de toneladas de CO2 en 2030 e un aforro de máis de 250 millóns de euros en custos externos.