Descubrindo Fourvière, o outeiro máis máxico de Lión
 

Visitar o outeiro de Fourvière supón volver ás orixes desta fermosa cidade francesa. A historia de Lión arrinca precisamente neste lugar, onde os romanos a fundaron, baixo o nome de Lugdunum, hai máis de 2000 anos. Na actualidade, Fourvière é visita obrigada, unha montaña cuxo cumio recompensa de sobra o camiño andado.

Lión é un dos destinos aos que chegan os nosos trens AVE Francia, o AVE Internacional entre España e Francia de Renfe. Levamos desde Barcelona, Girona e Figueres de forma cómoda, rápida e sostible para que poidas descubrir todos os segredos deste enigmático outeiro. 

Que ver no outeiro de Fourvière ​ 

Hai dúas maneiras de acadar o cumio desta montaña. Unha delas é facelo a pé, polo que se require un pouco máis de tempo e, sobre todo, esforzo. A segunda é coller o metro ata a estación Vieux Lyon e, posteriormente, continuar no teleférico. Unha vez no outeiro, é o momento de empezar a descubrir os seus tesouros.  

A Basílica de Notre-Dame de Fourvière é o primeiro que chama a atención. Trátase dun templo construído no último terzo do século XIX en honra á Virxe María. Non en van, é precisamente unha estatua da Virxe a encargada de coroar a basílica. É posible que o seu exterior sexa un tanto sobrio, non así o seu interior, de estilo bizantino. 

 

Basílica de Notre-Dame de Fourvière 
 

A seguinte parada pode ser a torre metálica, que se alza impoñente como un chisco á Torre Eiffel. Non en van, existe un rumor que atribúe o seu deseño a Gustave Eiffel, aínda que o certo é que o seu verdadeiro autor foi o arquitecto Eugène Collonge. Esta torre edificouse no ano 1894 coincidindo coa Exposición Universal de Lión e, hoxe en día, é unha antena de radio e televisión. Grazas ao outeiro, elévase uns cantos metros máis cá Torre Eiffel, o que enche de orgullo aos habitantes de Lión. 

 

Vistas da torre metálica de Fourvière​ 
 

Viaxar ás orixes de Lión será cuestión de só uns pasos, exactamente ata que chegues ás ruínas romanas. Este sitio arqueolóxico localízase na zona sur do outeiro de Fourviére, onde atopamos algúns puntos de interese como o Museo da Civilización Galo-Romana de Lión, o teatro romano ou o odeón. Visitar este lugar é imprescindible para comprender a historia da cidade. 

 

Ruínas romanas do teatro de Fouvière 
 

O outeiro tamén acolle algúns xardíns estupendos para desconectar do barullo da cidade. Estamos a referirnos aos xardíns do Rosaire, un contorno do máis acougado situado no interior do Parque des Hauteurs onde camiñar entre o colorido e o aroma das rosas.  

Por último, o outeiro de Fourvière é un dos mellores sitios de Lión para admirar a grandeza da cidade. O seu cumio arroxa unhas vistas espectaculares que pagan a pena en calquera momento do día. 
 

Viaxa a Lión en tren

Cos nosos trens AVE Francia, o AVE Internacional entre España e Francia de Renfe, ten ao teu alcance Lión e outros destinos franceses a só unhas horas desde diversas cidades españolas. 

Cal será a túa próxima visita cultural? Ti elixe como queres a viaxe, nós poñemos os destinos e o transporte.  Coñeces os nosos descontos? Aprovéitaos e obtén o mellor prezo no teu billete de tren.