As seguintes Condicións Xerais de Transporte pódense consultar en: castelán, català, valencià, euskara, english.

Título Preliminar

RENFE VIAJEROS SOCIEDAD MERCANTIL ESTATAL, S.A. (en adiante, Renfe Viajeros) ten por obxecto social a prestación de servizos de transporte de viaxeiros por ferrocarril, tanto nacional coma internacional, a mediación na prestación de calquera servizo turístico, organización, oferta e/ou comercialización de viaxes combinadas ou produtos turísticos, así como a prestación doutros servizos ou actividades complementarias ou vinculadas ao transporte ferroviario.

Renfe Viajeros presta o servizo de transporte de viaxeiros por ferrocarril, baixo o principio de seguridade, desenvolvendo a súa actividade cunha clara orientación ao cliente, con criterios de calidade, eficiencia, rendibilidade e innovación, perseguindo o incremento da cota de mercado do ferrocarril sobre a base do compromiso coa sociedade e o desenvolvemento dos seus empregados.

Este documento recolle as condicións polas que se rexen os servizos de transporte en trens de Renfe Viajeros de ámbito nacional e as doutros servizos ou actividades complementarias ou vinculadas ao transporte que se presten, cando así se estableza expresamente, así como dereitos e obrigas dos viaxeiros.

Os servizos sometidos a obrigas de servizo público, nos que a Administración competente ten a potestade tarifaria, poden ter condicións de utilización específicas aprobadas por esta. En consecuencia, as presentes condicións non poden ter efecto derrogatorio sobre as aprobadas pola Administración competente, que serán aplicables aos devanditos servizos.

Para viaxes internacionais teranse en conta as particularidades comerciais aplicables a estes, que se atopan ao dispor dos clientes na web de Renfe, nos puntos de venda autorizados e nas dependencias dedicadas á atención ao cliente.

Polo que se refire aos Trens Turísticos de Renfe Viajeros, serán de aplicación as súas propias Condicións Xerais de Contratación e para o non previsto nelas, estas Condicións Xerais, no que poida ser aplicable.
 

Título I. Condicións Xerais do Transporte

Estas Condicións Xerais establecen as regras xerais aplicables nas relacións contractuais entre o viaxeiro e Renfe Viajeros.

Estas Condicións Xerais establécense sen prexuízo das particularidades comerciais aplicables a cada un dos servizos, produtos, opcións de prezo, tarifas e ofertas que Renfe Viajeros ofrece en cada momento, que se poden consultar na web de Renfe, así como nas dependencias dedicadas a atención ao cliente, e en diferentes canles de venda autorizadas.

Renfe Viajeros está comprometida cos seus clientes na mellora continua da calidade dos seus servizos, co fin de lograr a plena satisfacción dos usuarios. Para iso, ten como obxectivo establecer cando sexa posible condicións específicas de prestación dos servizos máis favorables para o cliente que as previstas como mínimos na normativa aplicable.

Estas particularidades comerciais pódense consultar na web de Renfe, así como nas dependencias dedicadas á atención ao cliente e nas diferentes canles de venda autorizadas, formando xunto coas Condicións Xerais parte do contrato de transporte para todos os efectos.

 

Título II. Servizos de Transporte Ferroviario

Renfe Viajeros ofrece diferentes produtos para dar o mellor servizo e facilitar a mobilidade.

Para iso, define os horarios e servizos da súa oferta, en función da demanda, e anuncia coa antelación abondo os cambios de horarios e servizos que se poidan producir.

Por outra banda, pon ao dispor dos seus clientes unha gran variedade de ofertas con diferentes particularidades comerciais, que se poden consultar na web de Renfe e en diferentes canles de venda autorizadas, así como nas dependencias dedicadas á atención ao cliente.

Cada título de transporte adquirido polo cliente comporta, en función do tipo de produto, unha serie de prestacións definidas, tanto en terra coma a bordo, xunto coas inherentes ao tren co que se realiza o transporte.

Renfe Viajeros ten subscritas pólizas de seguro ou afianzamentos que cobren a súa responsabilidade civil, tendo tamén satisfeitas as coberturas do seguro obrigatorio de viaxeiros. Esta información está dispoñible nas dependencias dedicadas á atención ao cliente, na web de Renfe e nas diferentes canles de venda autorizadas.
 

Capítulo 1: Medios para o transporte

Renfe Viajeros agrupa os seus servizos de transporte de viaxeiros en produtos, en función dos atributos e características comerciais destes.

Os vehículos destinados ao transporte de viaxeiros ofrecerán as prestacións asociadas ás particularidades comerciais do título de transporte adquirido. Os trens, segundo o tipo de servizo que presten, pódense compoñer de coches con prazas sentadas e de pé, con prazas deitadas ou con prazas sen garantía de asento.

Para a seguridade dos seus clientes, todos os vehículos dispoñen das certificacións e homologacións requiridas. Renfe Viajeros dispón dun certificado de seguridade como empresa ferroviaria e dun sistema de xestión da seguridade na circulación, así como dun plan de asistencia en caso de accidente ferroviario. O persoal de Renfe Viajeros con funcións relacionadas coa seguridade na circulación está en posesión das habilitacións correspondentes para desenvolver as súas funcións.
 

Capítulo 2: Clases de acomodación ou tipos de asentos

Renfe Viajeros dispón de varias clases de acomodación ou tipos de asentos a bordo dos seus trens en función das que determina o produto comercial que ofrece nos diferentes servizos. Os clientes serán informados mediante as canles antes descritas e outras que se dispoñan para o efecto, das prestacións que inclúe cada clase e tipo de asento.
 

Capítulo 3: Servizos ferroviarios

Renfe Viajeros presta servizos ferroviarios en réxime de libre competencia (chamados Servizos Comerciais) e outros suxeitos a obrigas de servizo público con sometemento á normativa legal e regulamentaria de aplicación e ás instrucións, cando corresponda, da Administración competente.

Prestación de servizos comerciais

Os servizos comerciais son aqueles que atenden as necesidades de demanda de mobilidade do mercado e préstanse en réxime de libre competencia e pluralidade de oferta.

Os servizos considerados comerciais son:

  • Alta Velocidad-Larga Distancia
  • Larga Distancia
  • Trens Turísticos, cuxas Condicións Xerais de contratación se atopan ao dispor dos clientes na web de Renfe.

Prestación de servizos suxeitos a obrigas de servizo público

Os servizos suxeitos a obrigas de servizo público pola Administración Xeral do Estado, que debe prestar Renfe Viajeros na rede ferroviaria de interese xeral, son os definidos en acordo do Consello de Ministros, consonte o Regulamento (CE) 1370/2007 do Parlamento e do Consello, do 23 de outubro de 2007, sobre os servizos públicos de transporte de viaxeiros por ferrocarril e estrada, e o disposto no artigo 59.1 da Lei 38/2015, do 29 de setembro, do sector ferroviario.

Ademais da Administración Xeral do Estado, Renfe Viajeros presta na actualidade outros servizos sometidos a obrigas de servizo público por outras administracións competentes.

Os tipos de servizos sometidos a obrigas de servizo público son:

  • Alta Velocidad-Media Distancia. 
  • Servizos de Media Distancia que circulan por vías de largo métrico ou ibérico/rede de largo convencional.
  • Servizos de Cercanías que descorren por vías de largo métrico ou ibérico/rede de largo convencional.
     

Título III. Contrato de transporte

O título de transporte é o documento que formaliza o contrato de transporte, tanto oneroso coma gratuíto, entre Renfe Viajeros e a persoa que viaxa, para a prestación dun ou máis servizos de transporte, e que faculta o viaxeiro para facer uso do servizo.

Existen diferentes formatos de títulos de transporte, en función do sistema de venda utilizado. Todos os títulos de transporte están provistos dun sistema de seguridade, co obxectivo de evitar a fraude.

O cliente debe dispor dun título de transporte válido durante toda a viaxe, que deberá conservar desde a entrada á estación de orixe ata a saída da estación de destino. En caso de ser solicitado polo persoal de Renfe Viajeros ou o persoal autorizado, deberá presentalo, xunto cos documentos acreditativos correspondentes.

O cliente deberá comprobar, no momento de obter o título de transporte, que os datos deste se axustan á súa petición, podendo desistir nese momento de contratar.
 

Capítulo 1: Contido do título de transporte

Servizos con asignación de praza

O título de transporte dos servizos con asignación de praza deberá incluír a seguinte información:

  • A determinación da empresa ferroviaria que realizará o transporte.
  • A orixe da viaxe e a hora de saída.
  • O destino da viaxe e a hora de chegada.
  • Identificar o número do tren.
  • Os transbordos que puidesen producirse con cambio de tren, especificando lugar e hora, cando corresponda.
  • O coche, a clase ou tipo de asento e o número de praza.
  • Se é o caso, o tipo de prestación de restauración na praza.
  • O peso e volume da equipaxe admitida ou a indicación de onde se pode consultar a devandita información.
  • O prezo total do transporte, incluídos os complementos adicionais ao transporte, os gastos de xestión se os houber, así como a forma de pagamento.
  • O prezo de facturación, se fose o caso, da equipaxe.
  • A información sobre os seguros ou outros afianzamentos mercantís que o servizo teña cubertos.
  • A hora límite, se a houber, de presentación nos controis de seguridade para o acceso ao tren, se o administrador de infraestruturas o establecese.
  • Indicación de que o transporte queda sometido ás Regras Uniformes relativas ao contrato de transporte internacional de viaxeiros e equipaxes por ferrocarril (CIV).

Os títulos de transporte que sexan nominativos serán intransferibles e contarán cos datos necesarios para acreditar a identidade da persoa que viaxa.

Para os denominados Billetes Personalizados son necesarios datos persoais que non aparecen impresos no billete, co único obxecto dunha posible comunicación co viaxeiro. Nos títulos de transporte, tanto de adulto coma de neno, coa tarifa Billete gratuito de niño, si aparece impreso o nome do adulto.

Servizo sen asignación de praza

Para os servizos sen asignación de praza axustarase a información en función do tipo de servizo, tarificación e formato do soporte do título de transporte, podendo substituír algúns contidos pola indicación do lugar onde está dispoñible a información.
 

Capítulo 2: Prezo e estrutura do sistema tarifario

Desde o punto de vista tarifario, Renfe Viajeros estrutura o servizo que ofrece aos viaxeiros en: servizos comerciais e servizos suxeitos a obrigas de servizo público.

A todos os prezos haberá que engadirlles os gastos de emisión dos títulos de transporte que, en función da canle de venda, puidesen existir, ou outros derivados de servizos adicionais que o cliente puidese contratar.

Servizos comerciais

Os prezos ofertados para as viaxes nos trens de Servizos Comerciais dependerán de: tren-data, orixe-destino, da canle de venda, das condicións comerciais que seleccione o cliente, así como dos tributos que legalmente existan en cada momento. Estas contías son dinámicas e poden variar durante o período de venda de cada viaxe ou servizo, en función da oferta e a demanda. Adicionalmente, poderase ofertar en cada viaxe unha serie de complementos ou servizos adicionais, que permitan mellorar a comodidade e a satisfacción do cliente.

Así mesmo, Renfe Viajeros poderá complementar a estrutura anterior con outros produtos, promocións ou ofertas, de forma que se modifiquen os prezos ou as condicións comerciais. Pódese acceder a estes produtos, con información sobre as súas condicións e prezos, a través da páxina web de Renfe, así como no resto das canles de venda, e nas dependencias dedicadas a atención ao cliente e a súa contratación implica a aceptación das súas condicións.

Servizos suxeitos a obrigas de servizo público

Os prezos dos servizos sometidos a estas obrigas son aprobados e autorizados polos órganos competentes da Administración.

O conxunto de prezos (Tarifa Xeral ou Tarifa Base) é o autorizado pola Administración e o que se aplicará para cada tren, clase de confort, orixe-destino e prestacións, incluíndo os tributos que legalmente sexan aplicables en cada momento. Estes prezos poden ser consultados a través de calquera canle de información e venda autorizado por Renfe Viajeros.

A estrutura do sistema tarifario do servizo de Cercanías permite establecer os prezos autorizados por Núcleo de Cercanías (área xeográfica onde prestan servizo os trens de Cercanías) e zonas percorridas.

As estruturas dos sistemas tarifarios, dos cales derivan os prezos autorizados dos servizos de Media Distancia, son únicas e aplícanse a cada oferta de servizo.

Promocións e descontos

Renfe Viajeros pon ao dispor dos clientes unha serie de produtos comerciais dirixidos ao público en xeral ou grupos/usuarios en particular.

Para poderen acceder a eles, será necesario, por unha parte, cumprir os requisitos establecidos para cada un deles e, por outra, aceptar as condicións comerciais de utilización.

Para os servizos suxeitos a obrigas de servizo público, os prezos autorizados pola Administración son os únicos valores de partida para o cálculo de prezos promocionais ou con desconto.

En xeral, para os servizos suxeitos a obrigas de servizo público os descontos non serán acumulables a outras ofertas comerciais, a non ser que expresamente así se especifique, caso en que a acumulación de descontos ou ofertas só será admitida nos termos establecidos nas condicións de adquisición do produto comercial.

As reducións aplicables a “Familia Numerosa” serán acumulables a calquera outro desconto sobre a tarifa aplicable, agás nos produtos, servizos ou ofertas establecidos en virtude de acordo ou convenio, ou nos que se utilicen ou aboen de forma non individualizada.

En servizos comerciais, os descontos por “Familia Numerosa” serán aplicables unicamente aos prezos e contraprestacións que se refiran especificamente aos servizos de transporte, nos termos previstos na normativa na que se establece o procedemento de bonificación aos membros de familias numerosas e a súa posterior compensación ás empresas ferroviarias.
 

Capítulo 3: Modalidades de títulos de transporte.

Renfe Viajeros pon ao dispor dos clientes as seguintes modalidades:

  • Títulos de transporte SENCILLO:

Son aqueles cuxa adquisición dá dereito a viaxar a unha soa persoa nun único traxecto e data, en tren ou encamiñamento complementario.

Cando estes títulos de transporte sexan nominativos, estes serán persoais e intransferibles.

  • Títulos de transporte COLECTIVO:

Son aqueles cuxa adquisición dá dereito a viaxar a máis dunha persoa nun mesmo traxecto e data cun único título, en tren ou, se é o caso, encamiñamento complementario. Estes títulos de transporte son pluripersoais.

  • Títulos de transporte COMBINADO:

Son aqueles que formalizan distintos contratos de transporte e que dan dereito a viaxar en diferentes modos de transporte, incluíndo, se é o caso, outros servizos asociados, nun único título.

Cando estes títulos de transporte sexan nominativos, serán persoais e intransferibles.

  • Títulos de transporte MULTIVIAJE:

Son os que permiten realizar distintas viaxes, ben limitadas a un número ou ilimitadas, durante o seu período de validez.

Estes títulos de transporte poden ser de carácter unipersoal ou ben de carácter pluripersoal.

Cando sexan unipersoais e nominativos, estes serán persoais e intransferibles.
 

Capítulo 4: Venda de títulos de transporte.

Renfe Viajeros distribúe e vende os seus produtos a través das canles de venda autorizadas, dos que serán informados puntualmente os usuarios.

4.1.- Formas e medios de pagamento

As formas de pagamento admitidas por Renfe Viajeros son:

I. Metálico en moeda de curso legal en España
II. Tarxetas de crédito/débito aceptadas por Renfe Viajeros
III. Puntos das tarxetas do programa de fidelización de Renfe Viajeros
IV. Calquera outra regulada para o efecto

Poderanse utilizar as plataformas e pasarelas de pagamento que Renfe Viajeros autorice.

O prezo do billete deberá ser aboado no momento da súa adquisición, agás cando se regule expresamente o contrario.

4.2.- Desagregación do IVE

Os títulos de transporte exhibirán o desagregamento do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) correspondente, cando sexa preceptivo.

4.3.- Gastos de xestión

A venda de títulos de transporte para os servizos comerciais pode comportar gastos de xestión, que se calculan como unha porcentaxe sobre o prezo do transporte ou un importe fixo.

Os gastos de xestión poden variar segundo cada canle de venda específico. A información dispoñible sobre os gastos de xestión propios de Renfe figura nas particularidades comerciais aplicables e poden consultarse na información dispoñible na web de Renfe, así como nas canles de venda autorizadas e nas dependencias dedicadas a atención ao cliente.

Na compra de títulos de transporte a intermediarios autorizados por Renfe Viajeros, estes poderán establecer e cobrar as súas propias comisións ou gastos de xestión, que non figurarán no título de transporte, senón na factura do distribuidor.
 

Capítulo 5: Validez do título de transporte

5.1- Os títulos de transporte só son válidos desde a súa adquisición e ata a finalización da viaxe (ou viaxes, no caso de títulos Combinado ou Multiviaje). Nalgúns servizos serán válidos durante un prazo determinado, para as datas, trens, traxectos, zonas e tipos de asentos ou clases que figuren neles. Os viaxeiros deberán conservar o título de transporte ata a finalización dos servizos contratados. No caso dos billetes nominativos, unicamente son válidos para o seu titular.

Deberase levar durante a viaxe o título de transporte, nun soporte autorizado por Renfe Viajeros, formalizado ou validado se é o caso, cos documentos orixinais en vigor que acrediten a identidade do viaxeiro, cando sexa necesario, e as credenciais xustificativas para a obtención dos descontos a que teña dereito.

Os títulos Multiviaje indicarán o seu período de validez. Estes títulos non son válidos por si mesmos para poder viaxar ata que se formalicen ou validen para cada viaxe, nas máquinas validadoras dispostas nas estacións ou a bordo dos trens. A formalización é a obtención dunha praza para unha data e tren determinados. A validación dun título de transporte é a acción de reflectir de forma mecanizada ou electrónica, nos equipos ou sistemas destinados para iso, a realización da viaxe. Tanto a compra do título de transporte, a reserva deste e a súa posterior adquisición, como a formalización dos títulos Multiviaje, deberanse realizar nas canles de venda habilitadas para o efecto.

Calquera título de transporte adquirido antes dunha revisión de prezos á alza ou á baixa será válido para a súa data ou período de utilización sen que o viaxeiro deba aboar nin lle sexa aboada ningunha diferenza.

Nos servizos de Cercanías, onde non existe unha asignación específica de praza, para que os títulos de transporte se consideren válidos, deberanse validar antes de iniciar e ao finalizar a viaxe.

5.2- O título de transporte considérase non válido se non se efectuou a súa formalización ou validación, obrigatoria por parte do viaxeiro, ou cando se manipulase ou se falsificase. Tamén se considera inválido: se presenta calquera deterioración que impida comprobar os seus datos, se contén calquera emenda, se está plastificado, se non se achega coa documentación necesaria habilitante para a natureza do título de transporte adquirido, se foi anulado, se está caducado, esgotado, ou se non se corresponde coas condicións propias do viaxeiro ou do traxecto.

5.3- Para os servizos suxeitos a obrigas de servizo público, a obtención simultánea ou consecutiva de máis dun título de transporte non será válida para realizar unha mesma viaxe a un prezo máis reducido.
 

Capítulo 6: Cambio dos títulos de transporte

Nos servizos de Alta Velocidad-Larga Distancia, Larga Distancia, Alta Velocidad-Media Distancia e Media Distancia Convencional, os títulos de transporte para unha data e hora determinados poderán ser cambiados por outras datas ou horarios, en función das condicións comerciais de cada produto, agás cando as devanditas condicións advirtan expresamente de que non se admiten cambios. Nalgúns casos, que lle serán advertidos con anterioridade ao cliente, a opción por un título que permita cambios poderá supoñer un incremento do prezo, en forma de suplemento ou complemento.

O cambio poderase realizar desde a súa adquisición e ata o momento establecido segundo cada canle de venda, sempre coa necesaria anticipación para poder levar a cabo os procedementos internos correspondentes no sistema de venda, antes de que caduque o prazo establecido. Estes prazos poderanse consultar na web de Renfe, nas distintas canles de venda e nas dependencias dedicadas a atención ao cliente.

O cambio pode comportar gastos, aplicables sobre o prezo do título de transporte, unha vez deducidos os gastos de xestión, agás naquelas ofertas en que se especifique que o devandito cambio se realizará de forma gratuíta.

  • Os títulos de transporte dos servizos de Cercanías non admiten cambios.
  • Os títulos Multiviaje e as súas formalizacións nos servizos de Alta Velocidad-Larga Distancia, Larga Distancia, Alta Velocidad-Media Distancia e Media Distancia Convencional tampouco admiten cambios.

O reintegro ou aboamento xerado, cando corresponda, producirase mediante o mesmo medio de pagamento previamente utilizado para a compra do título de transporte.
 

Capítulo 7: Anulación dos títulos de transporte

  • Nos servizos de Alta Velocidad-Larga Distancia, Larga Distancia, Alta Velocidad-Media Distancia e Media Distancia Convencional, os títulos de transporte poderán ser anulados, en xeral, dentro do seu período de validez, agás os correspondentes a aquelas opcións de prezos e tarifas que expresamente indiquen que non admiten anulacións. Para optar pola anulación, nalgúns servizos deberase aboar unha cantidade adicional.

A anulación poderase realizar desde a súa adquisición e ata o momento establecido por cada canle de venda, sempre coa necesaria anticipación para poder levar a cabo os procedementos internos correspondentes no sistema de venda, antes de que caduque o prazo establecido. Os devanditos prazos poderanse consultar na web de Renfe, nas distintas canles de venda e nas dependencias dedicadas a atención ao cliente.

O trámite de anulación pode comportar gastos, aplicables sobre o prezo do título de transporte, unha vez deducidos os gastos de xestión, agás naquelas ofertas en que se especifique que se realiza de forma gratuíta.

Os títulos Multiviaje de Alta Velocidad-Larga Distancia, Larga Distancia, Alta Velocidad-Media Distancia e Media Distancia Convencional poderanse anular segundo o réxime comercial específico aplicable a cada título Multiviaje, que se poderá consultar na web de Renfe, así como nas distintas canles de venda e nas dependencias dedicadas a atención ao cliente.

  • Nos servizos de Cercanías só se admiten as anulacións dos títulos de transporte no momento da compra e sempre que non se realizase a validación nos equipos destinados a iso. Esta anulación non xerará ningún custo para o cliente.

O reintegro producirase mediante o mesmo medio ou forma de pagamento previamente utilizado para a compra do título de transporte.
 

Título IV. Ocupación de praza

Capítulo 1: Xeneralidades

Considérase ocupación de praza, o exercicio do dereito que ten o cliente de ocupar un espazo sentado, con ou sen garantía de praza, nun tren e traxecto concreto, mediante a adquisición dun título de transporte válido, en función do servizo ofrecido en cada caso.

O cliente que aboase unha praza poderá compartir o seu uso cun menor que teña dereito a iso, cando así estea previsto no réxime comercial específico aplicable, que se poderá consultar na web de Renfe, así como nas distintas canles de venda e nas dependencias dedicadas a atención ao cliente.

En todo caso, cada asento ou cama unicamente poderán ser ocupados como máximo por dúas persoas: unha persoa con título de transporte válido e dereito a ocupar unha praza e un menor que cumpra os requisitos para viaxar sen ocupar praza.

Tamén se poderán establecer requisitos comerciais para que unha persoa poida adquirir e ocupar dúas prazas contiguas.

En Alta Velocidad-Larga Distancia, Larga Distancia, Alta Velocidad-Media Distancia e Media Distancia Convencional con prazas asignadas, a xestión das prazas libres estará a cargo do persoal encargado da supervisión ou intervención en ruta. Calquera modificación de praza ao longo da viaxe deberá ser solicitada previamente a este persoal.

En Cercanías e Media Distancia Convencional sen prazas asignadas, o cliente poderá ocupar un asento, se está libre, ou viaxar de pé.
 

Capítulo 2: Acceso ao tren

O cliente deberá dispor dun título de transporte válido durante toda a viaxe, que estará obrigado a conservar desde a entrada á estación de orixe ata a saída da estación de destino. En caso de ser solicitado polo persoal autorizado, deberá presentalo, xunto cos documentos acreditativos correspondentes.

O acceso ao tren débese realizar na estación de orixe da viaxe que figure no título de transporte. En caso de non ser ocupada a praza á que se teña dereito, en función do título adquirido na devandita estación de orixe, nos servizos Alta Velocidad-Larga Distancia, Larga Distancia, Alta Velocidad-Media Distancia e Media Distancia Convencional con asignación de praza, Renfe Viajeros poderá facer uso da praza dispoñible, sen que o cliente teña dereito a ningún reintegro.

Para determinados produtos ou servizos e só para o caso de que nun mesmo concello existisen varias estacións polas que concorra o percorrido ou traxecto da viaxe contratada, admitirase que o cliente inicie a súa viaxe en calquera delas, sen obriga de que sexa a estación que figura no seu título de transporte como orixe sempre e cando o tren no que vaia viaxar teña unha parada programada na devandita estación. Neste caso, o cliente non terá que aboar ningún suplemento, nin terá dereito a ningún reintegro sobre o traxecto non utilizado. Estes produtos ou servizos poderanse consultar na web de Renfe, así como nas distintas canles de venda e nas dependencias dedicadas a atención ao cliente.
 

Capítulo 3: Control de acceso ou en ruta

O persoal encargado da supervisión ou outro persoal autorizado por Renfe Viajeros poderá requirir ao viaxeiro o documento que acredite a súa identidade, en relación co título de transporte, no control de acceso, ao acceder ao tren, durante o seu percorrido ou antes de abandonar a estación de destino. O cliente tamén deberá presentar, cando o solicite o devandito persoal, o título de transporte en calquera soporte autorizado, xunto cos documentos xustificativos do dereito á obtención dos descontos aplicados.

O viaxeiro a bordo sen título de transporte, que accedese ao tren nunha estación sen posibilidade de venda de título de transporte, deberá regularizar a súa situación ante o persoal encargado da supervisión ou intervención en ruta, ou outro axente que Renfe Viajeros autorizase. Neste suposto entregaráselle ao viaxeiro o xustificante do pagamento realizado. Noutro caso, será de aplicación o indicado nestas Condicións Xerais para viaxeiros sen título de transporte.

O persoal encargado da supervisión ou intervención en ruta poderá trocar calquera billete, cando exista algunha causa xustificada.
 

Capítulo 4: Interrupción da viaxe por parte do cliente

Se o viaxeiro decide voluntariamente interromper a viaxe nunha estación intermedia, non terá dereito a ningún reembolso respecto ao traxecto non utilizado, quedando invalidado o título para viaxar.
 

Capítulo 5: Cambio de praza ou tipo de asento unha vez iniciada a viaxe

Poderase realizar un cambio de praza dentro do mesmo tipo de asento ou clase ou a unha inferior, logo de llo solicitar ao persoal encargado da supervisión ou intervención en ruta e sempre que existan prazas dispoñibles. Se se realiza o cambio de praza, a unha de inferior tipo de asento ou clase, o cliente non terá dereito a ningún reintegro.

Cando o cambio de praza fose decidido polo persoal encargado da supervisión ou intervención en ruta, como consecuencia dunha incidencia relacionada coa prestación do servizo, o viaxeiro non aboará ningunha diferenza de prezo pola acomodación en praza máis cara. Se o cambio se realiza a unha praza de menor custo, devolveráselle ao cliente a diferenza de prezo.
 

Capítulo 6: Mellora de tipo de asento, opción de prezo ou clase unha vez iniciada a viaxe

O cliente que teña un título válido poderá solicitar a mellora de tipo de asento, de tarifa, opción de prezo ou de clase, logo de solicitarllo ao persoal encargado da supervisión ou intervención en ruta, autorizándose sempre que o permitan as condicións do tren, as prazas, a opción de prezo, ou tarifa aplicada no título de transporte. Nese caso, o cliente deberá aboar no acto, a diferenza de prezo, consonte as condicións establecidas e as tarifas vixentes para o título de transporte co que viaxaba no momento da solicitude.

Aínda no caso de que non se producise a solicitude previa de mellora, o persoal encargado da supervisión ou intervención en ruta poderá ofrecerlle ao cliente a regularización do seu billete, aboando a diferenza da mellora, ou continuar a viaxe nas condicións figuradas no billete.

No caso de que a mellora solicitada inclúa restauración na praza ou outra prestación que requira unha subministración previa e non se dispuxese das provisións necesarias, informarase o cliente sobre a imposibilidade de prestar ese servizo. Se o cliente acepta nesas condicións o cambio, entenderase que está conforme e que renuncia á restauración ou prestación da que se trate, non efectuándose reembolso ningún posterior por este motivo.
 

Capítulo 7: Prolongación do percorrido unha vez iniciada a viaxe

Nos servizos de Alta Velocidad-Larga Distancia, Larga Distancia, Alta Velocidad-Media Distancia e Media Distancia Convencional, o viaxeiro que desexe prolongar o percorrido deberá comunicarllo previamente ao persoal encargado da supervisión ou intervención en ruta, autorizándose sempre que o permitan as condicións do tren, a dispoñibilidade de prazas e a opción de prezo ou tarifa aplicada no título de transporte. Nese caso, o cliente deberá aboar no acto o prezo adicional do novo traxecto:

  • consonte as condicións establecidas para o título de transporte co que viaxaba no momento da solicitude, ou ben
  • consonte as condicións e tarifas aplicables, (en caso de que o cliente opte pola mellora do tipo de asento), de tarifa, de opción de prezo ou de clase.

Se non se producise a devandita solicitude previa e aboamento da tarifa, nas condicións elixidas, ao persoal encargado da supervisión ou intervención en ruta, considerarase que o cliente está desprovisto de título de transporte válido para o percorrido de prolongación.

Nos servizos de Cercanías, o cliente provisto de título válido poderá prolongar a súa viaxe dentro e fóra do Núcleo, logo de comunicación e regularización do seu pagamento na estación de orixe. Unicamente no caso de que a estación de orixe non teña venda asistida, a regularización do pagamento farase en ruta.

Dentro do Núcleo de Cercanías o cliente deberá aboar un título de transporte complementario do novo traxecto e conservar ambos os dous títulos de transporte ata rematar os dous percorridos. Os clientes con títulos cargados na Tarjeta sin Contacto de Renfe Viajeros poderán prolongar a súa viaxe soamente dentro do núcleo de Cercanías e, nese caso, deberán aboar un título de transporte complementario e conservar ambos os dous títulos de transporte ata finalizar os dous percorridos.

Fóra do Núcleo de Cercanías, o cliente deberá adquirir un novo título de transporte coa tarifa que corresponda de Media Distancia Convencional desde a orixe ata a estación á que desexe prolongar a súa viaxe, descontando o importe do billete Sencillo de Cercanías que o cliente adquiriu anteriormente, debendo conservar ambos os dous títulos de transporte ata rematar os dous percorridos.

Os títulos Multiviaje e os emitidos polos consorcios de transporte ou asimilados non admiten prolongación do percorrido fóra do Núcleo.
 

Título V. Condicións de viaxe para Menores

Con independencia da idade dos menores, todos deben dispor dun título de transporte válido en Alta Velocidad-Larga Distancia, Larga Distancia e Alta Velocidad-Media Distancia. Nestes servizos, os menores de 14 anos deberán viaxar coa compañía dunha persoa adulta.

Renfe Viajeros poderá aplicar descontos e vantaxes comerciais para a viaxe dos menores de idade, atendendo ao servizo utilizado e á súa idade. As particularidades comerciais aplicables a cada servizo poderanse consultar na información dispoñible na web de Renfe e nas diferentes canles de venda autorizadas, así coma nas dependencias dedicadas a atención ao cliente.

A idade dos menores que teñen dereito a viaxar de forma gratuíta sen ocupación de praza establécese nas especialidades comerciais aplicables antes referidas.

En determinados trens, Renfe ofrece un servizo para que os menores de idade poidan viaxar sós sen a compañía dun adulto e baixo a supervisión do persoal de a bordo. As condicións deste servizo poderanse consultar na información dispoñible na web de Renfe e nas diferentes canles de venda autorizadas, así como nas dependencias dedicadas a atención ao cliente.

Para todos os servizos, os menores de 18 anos que viaxen sen a súa nai, pai ou titor legal farano sempre baixo a responsabilidade destes.
 

Título VI. Condicións de viaxe para persoas con discapacidade ou mobilidade reducida

As persoas con discapacidade ou con mobilidade reducida poderán facer reservas ou obter títulos de transporte sen necesidade de viaxar acompañados por outra persoa, a menos que sexa estritamente necesario para garantir que a viaxe se desenvolva en condicións adecuadas de seguridade, atendendo á normativa aplicable.

Renfe Viajeros dispón de material accesible, especialmente deseñado para posibilitarlle a viaxe a estas persoas. Para determinados trens, servizos e estacións está dispoñible o denominado “Servizo de Asistencia“, prestado polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, que é un servizo especializado para facilitarlles o transporte en ferrocarril a persoas con discapacidade ou mobilidade reducida. As condicións comerciais específicas aplicables a este servizo poderanse consultar na información dispoñible na web de Renfe, así como nas distintas canles de venda e nas dependencias dedicadas a atención ao cliente.
 

Título VII. Servizos complementarios

Considéranse servizos complementarios o transporte de: equipaxe, animais de compañía, elementos de mobilidade individual e calquera vulto que o viaxeiro poida validamente levar consigo. O viaxeiro deberá colocalos adecuadamente nos lugares destinados para iso, respectando os límites de peso, volume e dimensións establecidos nas condicións comerciais específicas. Ademais, deberá custodialos debidamente, evitando calquera dano, molestia ou perigo, e será responsable dos danos e prexuízos causados que sexan imputables ao incumprimento destes deberes.

Tamén Renfe Viajeros poderá ofrecer a posibilidade de elixir servizos de valor engadido, tanto prestados por Renfe Viajeros coma por outras empresas, e engadilos como complemento adicional ao prezo do transporte no proceso de compra.

As condicións comerciais aplicables a todos estes poderanse consultar na normativa comercial, dispoñible na web de Renfe, así coma nas distintas canles de venda e nas dependencias dedicadas a atención ao cliente.
 

Capítulo 1: Viaxe con animais de compañía (mascotas)

Renfe Viajeros ofrece a posibilidade de realizar a viaxe con animais de compañía nos trens, segundo as condicións comerciais específicas de cada servizo ferroviario. Nalgúns casos, Renfe Viajeros poderá limitar ou excluír o transporte de mascotas, informando ao cliente desta circunstancia antes da compra.

Estes animais estarán sempre baixo o control da persoa que as porte en todas as fases da viaxe. Se outros viaxeiros amosan obxeccións a viaxar con animais ou as mascotas producen molestias, o persoal de a bordo buscará a alternativa máis favorable para poder continuar a viaxe noutro lugar do tren.

A persoa que viaxe coa mascota será responsable de que esta cumpra as condicións hixiénico-sanitarias e de seguridade, e dispoñer durante a viaxe da documentación preceptiva, consonte a lexislación vixente.
 

Capítulo 2: Equipaxes

Considerarase equipaxe admisible todo vulto de man que conteña pezas e obxectos de uso persoal ou profesional que o cliente leve consigo, cuxa natureza non contraveña as disposicións de seguridade establecidas na lexislación vixente, e non supoña perigo para a seguridade do transporte, nin obstaculice a explotación ferroviaria, nin represente perigo ou molestia para outros viaxeiros.

Todo viaxeiro poderá levar consigo, baixo a súa custodia e responsabilidade, nos lugares destinados para o efecto e, cando corresponda, previo pagamento, o número de vultos de man e coas dimensións que se establezan nas condicións comerciais relativas á admisibilidade e regulación da equipaxe aplicables a cada servizo que están dispoñibles na web de Renfe, así coma nas distintas canles de venda e nas dependencias dedicadas a atención ao cliente.

O viaxeiro non poderá levar consigo:

  • Materiais susceptibles de explosión ou inflamación,
  • Vultos que pola súa natureza, tamaño, tipoloxía, volume, olor ou contido poidan:
    • ser considerados como perigosos
    • danar, molestar ou manchar aos demais viaxeiros e ás súas equipaxes
    • danar o material ferroviario, obstaculizar a explotación ferroviaria ou pór en perigo a seguridade do transporte.

Renfe Viajeros responderá pola perda, deterioración ou danos ás equipaxes nos supostos e nos termos previstos no Título IX “Responsabilidade de Renfe Viajeros“ destas Condicións Xerais.

A equipaxe que polas súas dimensións ou características non cumpra os requisitos para ser considerada equipaxe de man considerarase “equipaxe especial“. O cliente só poderá levala consigo sempre que cumpra o establecido na normativa comercial específica.

2.1.- Bicicletas e outros elementos de mobilidade individual

Só estará permitido o acceso aos trens con bicicletas e outros elementos de mobilidade individual, cando corresponda, previo pagamento, cando así se estableza expresamente para determinados servizos ou trens, nos termos indicados nas condicións comerciais específicas e sempre que sexan facilmente manexables, non afecten de maneira adversa ao servizo ferroviario e se cumpran os requisitos establecidos nas devanditas condicións.
 

Capítulo 3: Viaxe con armas

Renfe Viajeros unicamente admitirá viaxeiros que porten armas nos trens cando se cumpran todos os seguintes requisitos:

  • Que se trate de armas de deportistas ou armas regulamentarias, segundo a súa definición legal.
  • Que vaian desmontadas ou dentro das súas caixas ou fundas.
  • Que vaian acompañadas das correspondentes guías, licenzas e demais documentación esixida legalmente.

Cando se trate de persoal das Forzas Armadas, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, do Servizo de Vixilancia Aduaneira ou de persoal de empresas de seguridade que realicen funcións de custodia ou vixilancia, abondará con que amosen a súa guía de pertenza e a súa Tarxeta de Identidade Militar ou, cando corresponda, o carné profesional. En caso de viaxar fóra de servizo, deberán portar a arma desmontada e dentro da súa caixa ou funda.

Os portadores de armas deberán, en todo momento, actuar coa dilixencia e precaución necesarias e comportarse de forma que non poñan en perigo ou causen alarma, danos ou molestias aos demais viaxeiros ou aos seus bens e non poñan en perigo a seguridade do transporte nin obstaculicen a explotación ferroviaria.
 

Capítulo 4: Obxectos esquecidos, perdidos ou abandonados

Os obxectos esquecidos, perdidos ou abandonados polos clientes, que sexan atopados nos trens, plataformas ou outras dependencias da estación, serán entregados ao responsable do ámbito correspondente para a súa custodia, durante un período de tempo determinado durante o cal estarán ao dispor dos clientes para a súa entrega, previa xustificación da súa propiedade.
 

Título VIII. Dereitos e obrigas dos viaxeiros

Capítulo 1: Dereitos

Os viaxeiros de Renfe Viajeros teñen, entre outros, os seguintes dereitos:

1. A seren informados da existencia destas Condicións Xerais, que estarán ao seu dispor na páxina web de Renfe, así como nas canles e puntos de venda e nas dependencias dedicadas a atención ao cliente.

2. Ao acceso, coa suficiente antelación, aos horarios dos servizos e aos prezos correspondentes, así como ao resto de información dispoñible sobre o servizo ferroviario. En especial, a seren informados en caso de atraso da saída ou da chegada, da situación e da hora estimada de saída e chegada, en canto esta información estea dispoñible.

3. A recibir antes da viaxe, cando así o soliciten, a seguinte información:

  • Horarios e condicións da viaxe máis rápida e das opcións de prezo e tarifas máis económicas.
  • Accesibilidade, condicións de acceso e dispoñibilidade de instalacións para persoas con discapacidade ou mobilidade reducida.
  • Asentos ou prazas dispoñibles.
  • Actividades que poidan perturbar ou atrasar os servizos.
  • Dispoñibilidade de servizos complementarios.
  • Condicións para a admisión de equipaxe e accesibilidade e condicións de acceso para bicicletas.
  • Procedementos para recuperar a equipaxe esquecida ou perdida.
  • Procedementos para presentar reclamacións e queixas.

4. A recibir durante a viaxe información sobre:

  • Servizos a bordo.
  • Estación seguinte con parada.
  • Posibles atrasos e incidencias.
  • Principais servizos de enlace.
  • Cuestións de seguridade.

5. A celebrar con Renfe Viajeros un contrato de transporte axustado ao disposto na lexislación vixente, mediante a adquisición dun título válido para a viaxe desde ou ata calquera das estacións en que se reciban ou apeen viaxeiros na viaxe contratada, sen prexuízo do establecido no Título IV Capítulo 2 “Acceso ao Tren“ destas Condicións Xerais. Para estes efectos, os trens só efectuarán parada nas estacións ou apeadoiros previamente determinados por Renfe Viajeros.

6. A recibir o servizo contratado en axeitadas condicións de calidade e seguridade.

7. A seren informados dos procedementos establecidos para resolver as controversias que poidan xurdir en relación co transporte ferroviario, que son os seguintes:

a) Os viaxeiros, sen prexuízo de poder instar a defensa das súas pretensións perante a xurisdición ordinaria, están facultados para dirixir reclamacións e queixas relacionadas coa prestación do servizo directamente a Renfe Viajeros, que poderán realizar nos termos previstos no Título IX Capítulo I “Garantías para o viaxeiro“ destas Condicións Xerais.

b) Renfe Viajeros terá, a dispor dos usuarios, un formulario ou libro de reclamacións, co formato, edición ou modelo que se determine regulamentariamente.

c) Igualmente, os clientes están facultados para dirixir as súas reclamacións relacionadas coa prestación do servizo de transporte ferroviario e para instar a defensa das súas pretensións perante os organismos arbitrais competentes.

8. A seren resarcidos dos prexuízos que se lles causen, no caso de incumprimento das obrigas que correspondan a Renfe Viajeros.

9. A seren informados das pólizas de seguro ou afianzamentos que Renfe Viajeros teña contratadas para garantir a súa responsabilidade. Esta información estará dispoñible nas dependencias dedicadas á atención ao cliente, así como nas distintas canles de venda e na web de Renfe.

10. A cambiar e anular os seus títulos de transporte nos termos previstos nestas Condicións Xerais e nas condicións comerciais específicas de aplicación.
 

Capítulo 2: Obrigas dos viaxeiros

Os viaxeiros deberán cumprir as seguintes obrigas:

1. Adquirir o título de transporte correspondente ao traxecto desexado; comprobar que os datos incluídos nel se corresponden co solicitado; ir provistos do mesmo durante o tempo que dure a viaxe e ata a saída da estación de destino, así como presentar este, xunto coa documentación orixinal e en vigor que acredite a identidade do viaxeiro, ao persoal de Renfe Viajeros ou ao persoal autorizado por este cantas veces sexa requirido para iso, absténdose de viaxar sen título de transporte válido e suficiente ou con título que non acompañe os documentos acreditativos, en función das características da viaxe e condicións de utilización segundo o desconto ou a tarifa aplicable.

2. Atender as indicacións que lles formule o persoal de Renfe Viajeros ou o persoal autorizado por este en relación coa correcta prestación do servizo, así como o indicado nos carteis colocados á vista en instalacións e trens, e permanecer unicamente nas instalacións ferroviarias no horario en que estea prevista a súa utilización para os clientes.

3. Cumprir as normas vixentes en materia de seguridade e orde pública, e de protección civil, e someterse aos controis de seguridade dispostos para o acceso aos vehículos e zonas de embarque, non permitíndose a súa entrada en caso contrario. Os viaxeiros deberanse absterse de calquera actividade ou acción que pola súa natureza poida alterar a orde pública, perturbar os demais clientes ou considerarse molesta ou ofensiva para estes ou para o persoal de Renfe Viajeros ou os autorizados por este, ou que implique perigo para a súa integridade ou poña en perigo a seguridade do transporte por ferrocarril.

4. Absterse de fumar, distribuír publicidade, pegar carteis, mendigar, organizar rifas ou xogos de azar con ánimo de lucro e vender bens ou servizos nos trens, instalacións e dependencias de Renfe, sen autorización expresa previa e por escrito de Renfe Viajeros, así como realizar calquera outra acción prohibida pola lexislación vixente.

5. Acceder ou abandonar o tren cando se atope plenamente parado unicamente nas paradas establecidas para o efecto; viaxar nos lugares habilitados para os viaxeiros, procurando non dificultar o paso nos lugares destinados ao tránsito de persoas e absténdose de entrar nas cabinas de condución ou outros lugares dos trens ou nas instalacións reservadas para uso exclusivo do persoal ferroviario ou de persoas autorizadas.

6. Respectar os vehículos e instalacións, así como absterse de calquera acción que poida presentar un perigo para a seguridade do ferrocarril, os seus medios e instalacións de todo tipo, ou supoña deterioración ou sucidade no material, os vehículos ou as instalacións ferroviarias.

7. Absterse de manipular os mecanismos de apertura ou peche das portas ou calquera outro mecanismo ou dispositivo de uso exclusivo do persoal de Renfe Viajeros; de facer uso, sen causa xustificada dos mecanismos de alarma, parada dos trens ou de calquera outro dispositivo do tren; de impedir ou forzar a apertura ou peche das portas de acceso aos trens, así como de lanzar ou depositar obxectos ou materiais ou facer verteduras de calquera natureza nos trens ou das instalacións ferroviarias.

8. Cumprir co previsto no Título VII destas Condicións Xerais respecto á admisión e transporte de animais domésticos, de bicicletas, armas, vultos e equipaxes.
 

Capítulo 3: Consecuencias do incumprimento das obrigas dos viaxeiros

O incumprimento dalgunha das obrigas polo viaxeiro, indicadas no Capítulo 2 do Título VIII, poderá determinar o cesamento da obriga para Renfe Viajeros de transporte do viaxeiro e os obxectos que porte, sen dereito a devolución de ningún importe e a esixencia da indemnización de danos e prexuízos pertinente, sen prexuízo da sanción administrativa ou doutra orde que, cando corresponda, puidese ser imposta pola administración ou autoridade xudicial competente.

1. Persoas que viaxan sen título de transporte válido e regularización deste en ruta

O cliente debe dispor dun título de transporte válido durante toda a viaxe, que se debe presentar, xunto cos documentos acreditativos, ao persoal de Renfe Viajeros ou ao persoal autorizado por este, cando sexa requirido debéndose conservar ata a finalización dos servizos contratados.

Se o cliente, en ruta, non presenta o título de transporte ou algún dos documentos acreditativos, considerarase viaxeiro desprovisto de título de transporte válido para viaxar e o persoal encargado da supervisión ou intervención en ruta procederá a regularizar esta situación.

Esta regularización levarase a cabo da seguinte maneira:

1.1. Cando o cliente proceda dunha estación sen venda de billetes ou dunha estación con venda de billetes en que non sexa posible temporalmente a venda destes, o cliente aboará o importe do billete do traxecto que corresponda.

No caso de que o cliente teña dereito a algún desconto, deberá acreditalo en ruta para a súa aplicación e, en caso contrario, deberá aboar o título de transporte a Tarifa Xeral/Base ou prezo de referencia. No suposto de que Renfe Viajeros non poida aplicar a tarifa solicitada en ruta, o cliente deberá aboar o título de transporte a Tarifa Xeral/Base ou prezo de referencia, podendo posteriormente reclamar o reintegro da diferenza.

De forma excepcional, os viaxeiros con discapacidade visual, usuarios de cadeiras de rodas, viaxeiros de avanzada idade ou con discapacidade intelectual ou cognitiva, aboarán só o importe de título do transporte do traxecto que corresponda, mesmo cando poidan adquirir o billete a través dunha máquina autovenda da estación ou por outras canles.

1.2. Noutros supostos distintos aos recollidos no número 1.1 anterior, ao viaxeiro sen título de transporte válido aplicaránselle as penalizacións que poidan corresponder. Os títulos de transporte que non sexan válidos ou sexan utilizados fraudulentamente serán retirados polo persoal encargado da supervisión ou intervención en ruta, sen dereito a ningún reintegro e sen prexuízo das actuacións ou penalizacións previstas a seguir.

2. Penalizacións por viaxar sen título de transporte válido

Se o cliente está desprovisto de título de transporte válido ou carece de algún dereito para as bonificacións ou reducións obtidas e accede ao tren sen que concorran as circunstancias descritas no parágrafo 1.1 anterior, deberá aboar o importe do título de transporte do traxecto correspondente ao prezo de referencia ou á Tarifa Xeral/Base, incluíndo os gastos de xestión establecidos por Renfe Viajeros, ademais das seguintes penalizacións por acceder ao tren de forma indebida:

  • Alta Velocidad-Larga Distancia e Larga Distancia - 300 euros.
  • Alta Velocidad-Media Distancia - 200 euros.
  • Media Distancia Convencional - 200 euros.
  • Cercanías - 100 euros.

Se o abono se realiza nun prazo inferior a 30 días naturais, aplicarase unha redución do 50 % da cantidade que se vai pagar por estas penalizacións, consonte as normas, procedementos particulares e nas canles de venda que se establezan para cada servizo ferroviario.

3. Inadmisión de viaxeiros

Renfe Viajeros poderá obrigar a abandonar os seus vehículos de transporte aos viaxeiros sen título de transporte válido que se negasen a regularizar esta situación ou aos viaxeiros que coa súa conduta, ou portando algún obxecto, equipaxe ou vehículo, alteren a orde ou representen un perigo para a seguridade e o bo funcionamento da explotación do transporte ou para a seguridade dos demais viaxeiros ou aos que incomoden gravemente.

Queda prohibido o acceso aos vehículos con patinetes, monociclos ou calquera outro dispositivo de mobilidade persoal eléctricos ou dotados de baterías, por considerarse que constitúe un perigo para a seguridade e o bo funcionamento da explotación do transporte e dos viaxeiros.

En todo caso, exclúense desta prohibición os vehículos para persoas con mobilidade reducida, así como as bicicletas eléctricas.

Nestes supostos, os devanditos viaxeiros deberán abandonar o tren na estación en que estivese estacionado ou, se se encontrase en tránsito, na seguinte estación en que efectúe parada, sen dereito a reembolso do prezo pagado e sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder polas infraccións que cometesen e da aplicación, cando corresponda, das penalizacións previstas nestas Condicións Xerais.

Poderáselles denegar tamén o acceso aos vehículos de transporte e ás salas de embarque ou de espera a aquelas persoas que non se sometan aos controis de seguridade establecidos.

 

Título IX. Responsabilidade de Renfe Viajeros

Renfe Viajeros está obrigada a prestar o servizo contratado nas condicións recollidas no título de transporte, neste documento e nas condicións comerciais específicas aplicables e responderá fronte ao viaxeiro en caso de incumprimento consonte a lexislación vixente e dentro dos límites indicados neste título.
 

Capítulo 1: Garantías para o viaxeiro

Renfe Viajeros ten garantida a cobertura da responsabilidade civil na que poida incorrer, en particular, a derivada dos danos causados aos viaxeiros e á equipaxe.

De maneira xeral, os viaxeiros poderán ser indemnizados, consonte a lexislación vixente e a normativa comercial, cando quede probado un incumprimento do contrato de transporte por causa imputable a Renfe Viajeros.

Sen prexuízo doutras condicións comerciais específicas máis favorables previstas expresamente para determinados servizos na Normativa Comercial de Renfe Viajeros, que se aplicarán de forma preferente, o viaxeiro será indemnizado nos casos de cancelación, interrupción e atraso da forma establecida neste título IX.

Renfe Viajeros terá a dispor dos viaxeiros un libro ou follas de reclamacións nos termos previstos na normativa sectorial ferroviaria, así como un teléfono gratuíto específico para atención de reclamacións e unha caixa de correo de atención ao cliente na web de Renfe.

Os viaxeiros poderán presentar as súas reclamacións ou queixas no devandito libro ou follas de reclamacións, sen prexuízo de poder utilizar os medios de comunicación mencionados no parágrafo anterior.

O prazo de presentación da reclamación será o establecido na lexislación aplicable vixente.
 

Capítulo 2: Responsabilidade por cancelación, interrupción ou atraso

O viaxeiro afectado pola cancelación, interrupción ou atraso da viaxe poderá ter dereito a recibir a indemnización prevista nos termos establecidos na lexislación aplicable.

No caso de que o atraso da saída ou da chegada sexa superior a 60 minutos, Renfe Viajeros estará obrigada a proporcionar asistencia ao viaxeiro nos termos establecidos na lexislación vixente.

Cando exista cancelación ou interrupción da viaxe contratada por persoas con discapacidade ou mobilidade reducida, levarase a cabo a habilitación do seu título de transporte para outro tren ou modo de transporte, debendo cumprir no devandito suposto unhas condicións similares de accesibilidade.

O viaxeiro non terá dereito a indemnización, se Renfe Viajeros informa do atraso, antes da compra do título de transporte ou se a duración deste é menor de 60 minutos.

En calquera caso, poderanse establecer compensacións máis vantaxosas ás indicadas nestas Condicións Xerais. Estas compensacións máis vantaxosas atoparanse ao dispor dos clientes na páxina web de Renfe, así como nas distintas canles de venda autorizadas e nas dependencias dedicadas a atención ao cliente.

O disposto neste apartado aplicarase ás viaxes realizadas ao abeiro de títulos emitidos polos consorcios e autoridades do transporte e títulos Multiviaje, consonte as súas condicións comerciais específicas e coas excepcións e limitacións previstas na normativa aplicable.

Para os servizos de transporte sucesivos explotados por unha ou varias empresas ferroviarias observarase o disposto na lexislación vixente, así como nos acordos e contratos asinados entre as distintas empresas.

1. Cancelación da viaxe

Enténdese por cancelación da viaxe a non realización desta, é dicir, a imposibilidade de que se leve a cabo nas condicións previstas no título de transporte.

No caso de que a causa da cancelación da viaxe sexa atribuíble á empresa operadora terase en conta a antelación coa que se produce a cancelación e, en función desa antelación, o viaxeiro terá dereito a:

  • Se a cancelación se produce antes das 48 horas, o viaxeiro ten dereito ao reintegro do prezo pagado polo billete ou ao cambio sen gastos do título de transporte para outro tren ou outra data.
  • Se a cancelación se produce nas 48 horas previas á hora de saída que figura no billete, o viaxeiro ten dereito a que se lle reintegre o prezo pagado ou a que se lle proporcione o transporte noutro tren ou outro modo de transporte en condicións equivalentes ás pactadas.
  • Se a información da cancelación da viaxe se produce dentro das 4 horas previas á hora de saída que figura no billete, o viaxeiro ten dereito ao reintegro do prezo do billete ou a que se lle proporcione o transporte noutro tren ou outro modo de transporte. Se o viaxeiro optase por non utilizar a alternativa de transporte ofrecida, ten dereito ademais a unha indemnización do dobre do importe do título de transporte.
  • En Cercanías (largo ibérico e largo métrico) e en Media Distancia Convencional de largo métrico, agás para títulos consorciados, cando a cancelación da viaxe sexa debida á supresión/paralización do servizo durante polo menos unha hora, o viaxeiro poderá optar por:
    • A resolución do contrato de transporte percibindo o importe íntegro correspondente á viaxe.
    • A habilitación do seu título de transporte para cando exista a posibilidade de realizar a viaxe.
    • A realización da viaxe por outros modos de transporte que Renfe Viajeros habilite, no seu caso.

Se o viaxeiro optase por utilizar a alternativa de transporte ofrecida, será de aplicación o establecido nas condicións comerciais aplicables, que se poderán consultar na información dispoñible na web de Renfe, así como nas canles de venda autorizadas e nas dependencias dedicadas a atención ao cliente.

Con relación á compatibilidade das indemnizacións derivadas por cancelación con outras indemnizacións ás que o viaxeiro puidese ter dereito será de aplicación o establecido nas condicións comerciais aplicables, que se poderán consultar na información dispoñible na web de Renfe, así como nas canles de venda autorizadas e nas dependencias dedicadas a atención ao cliente.

2. Interrupción da viaxe

Entenderase por interrupción da viaxe a paralización desta unha vez iniciada.

Cando como consecuencia da interrupción da viaxe se incorra nalgún dos supostos previstos no punto seguinte, para o caso de atraso, será de aplicación o previsto nel.

Se o tren se atopa bloqueado na vía, Renfe Viajeros realizará o transporte á estación de ferrocarril de orixe, a outra estación de orixe alternativa ou ao destino final do servizo, sempre e cando sexa fisicamente posible.

3. Atrasos

Considérase atraso o tempo transcorrido entre a hora programada de chegada do viaxeiro, segundo o horario publicado, e a hora real de chegada á estación do destino indicada no billete.

Cando se prevexa que o tren sairá de orixe con atraso respecto ao horario publicado, o cliente terá dereito a unha das seguintes opcións:

  • ao cambio gratuíto do título de transporte para outro tren ou outra data,
  • ao reintegro do prezo pagado pola viaxe non realizada,
  • a continuar a viaxe no mesmo tren.

Se durante a viaxe se produce un atraso igual ou superior a 60 minutos na chegada ao destino que figura no título de transporte, o viaxeiro poderá optar por:

a) O reintegro do importe do título de transporte correspondente á parte da viaxe non efectuada.

b) Se por mor deste atraso a viaxe perdeu a razón de ser para o viaxeiro ou non desexa continuar a viaxe, terá dereito a percibir tamén o importe do título de transporte correspondente á parte da viaxe efectuada. Neste caso, Renfe Viajeros proporcionará, cando así proceda, un servizo de regreso o antes posible ao punto de partida.

c) A continuación da viaxe ata o punto de destino xa sexa pola ruta prevista ou por outra vía alternativa, nunhas condicións de transporte similares ás contratadas. O viaxeiro tamén pode optar por realizar a viaxe, sen gastos, nunha data posterior.

Agás polas causas previstas pola lexislación vixente, en caso de atraso na chegada a destino por tempo igual ou superior a 60 minutos, o cliente terá dereito a unha indemnización equivalente ao 50 % do prezo do título de transporte utilizado. Cando o atraso supere os 90 minutos, a indemnización será equivalente ao total dese prezo.

4. Garantía de enlace

Renfe Viajeros garante o enlace entre os seus trens nas condicións indicadas a continuación, con excepción do establecido para os trens de Cercanías e aqueloutros servizos ou produtos en que así o indiquen as súas condicións comerciais específicas.

Esta garantía será de aplicación unicamente cando, entre a hora teórica de chegada do primeiro tren e a de saída do segundo, exista un intervalo horario de 60 minutos (se o cambio de tren se realiza na mesma estación) ou de 90 minutos (se o cambio de tren se realiza entre dúas estacións do mesmo concello) e permitirá obter as compensacións establecidas expresamente nas condicións comerciais específicas para o caso de perda de enlace.

Nos servizos de Cercanías non se garante o enlace en ningún caso.

Os transbordos con outros medios de transporte ou trens de distintas compañías ferroviarias, ao abeiro do billete Combinado correspondente, regularanse segundo o disposto na lexislación vixente, así como nos acordos e contratos asinados entre as distintas compañías.
 

Título X. Protección de datos de carácter persoal

A información relativa ao tratamento e á protección dos datos persoais porase ao dispor dos clientes nos termos requiridos pola normativa aplicable e, en todo caso, na páxina web de Renfe, no apartado política de privacidade, así como nas distintas canles de venda e as dependencias dedicadas a atención ao cliente.
 

Título XI. Entrada en vigor

Estas Condicións Xerais entrarán en vigor o 12 de decembro de 2023, resultando de aplicación aos títulos de transporte adquiridos a partir da devandita data

Anexo I - Información de contacto

De Renfe Viajeros:

O domicilio social de RENFE VIAJEROS SOCIEDAD MERCANTIL ESTATAL, S.A., con NIF A-86868189, está en Madrid, Avenida de Pío XII n.º 110, 28036.

A súa páxina web é: www.renfe.com

O seu teléfono é: (+34) 912 320 320

Do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana:

A súa sede está en Madrid, Paseo da Castellana n.º 67, 28071.

A súa páxina web é: www.mitma.gob.es

O seu teléfono é: (+34) 91 597 70 00
 

Das Xuntas Arbitrais do Transporte:

A súa páxina web está en https://www.mitma.es/el-ministerio/contacte-con-fomento/transporte-terrestre/juntas-arbitrales
 

Anexo II – Lexislación e normativa aplicable