Nîmes, a romana
 

A cidade de Nîmes preséntasenos como unha auténtica oportunidade de gozar dunha fin de semana ou dunha ponte festiva nun ambiente mediterráneo, con máis de 2.000 anos de historia. É unha desas cidades medias (uns 150.000 habitantes), capital do departamento do Gard, moi cómoda para facer turismo e onde o rico patrimonio rivaliza co seu ambiente, sempre vivo e alegre. Apetéceche unha escapada? Pois cos nosos trens AVE Francia, o AVE Internacional entre España e Francia, levámoste en só unhas horas da forma máis cómoda e sostible, sube a bordo!

Os romanos do emperador Augusto e os seus sucesores cubriron a Nîmes de multitude de monumentos, moitos dos cales chegaron en moi boas condicións á actualidade e atópanse en pleno centro da cidade. Temos sete citas ineludibles do patrimonio romano:​ 

1. O anfiteatro romano ou as Arènes de Nîmes

Construído a finais do século I é un dos máis grandes anfiteatros do mundo romano, cos seus 133 metros de longo, 101 de largo e unha fachada de 21 metros de altura con dous niveis de 60 arcos cada un. Cun aforo de 20.000 persoas, é un dos anfiteatros romanos mellor conservados do mundo e permanece totalmente en activo, xa que alberga manifestacións deportivas, congresos, concertos e corridas de touros. De feito, a Feira de Nîmes é toda unha institución na rexión e pódese comparar pola súa grandeza e calidade ás mellores feiras taurinas de España. Hai dúas manifestacións feirais: en Pentecoste, en maio, e durante a vendima, en setembro. Preto do anfiteatro hai un Museo das Culturas Taurinas (6, rue Alexandre Ducros).  

2. La Maison Carrée  

A Maison Carrée (Casa Cadrada) é un magnífico templo de base rectangular, construído a imaxe e semellanza dos templos de Apolo e Marte de Roma. Pero a diferenza doutros templos similares, conservouse totalmente, xa que estivo en uso ininterrompidamente desde o século XI, durante os que tivo múltiples usos, desde casa consular ata cortes de cabalos, pasando por arquivo departamental ou igrexa. Desta forma podemos contemplar a harmonía da arquitectura romana, coas súas perfectas proporcións. Construída entre os anos 16 e 12 a. C., dominaba o foro da cidade romana. Mide 26 metros de longo por 15 de largo e 17 de alto. A súa última restauración comezou en 2006 e rematou en 2010. 

Os visitantes atoparanse con que no seu interior se proxecta, cada 30 minutos, unha película titulada Nemausus, o nacemento de Nîmes, onde se explica o nacemento da cidade en época prerromana, arredor dunha fonte sagrada dedicada ao deus Nemausos, nome galo de Nîmes que adoptaron tamén os romanos. 

3. As portas do recinto romano

O emperador Augusto ofreceu a Nîmes un dos maiores recintos da Galia romana. Del consérvanse dúas das portas que tivo a cidade. A Porta de Arles ou Porta Augusta, pola que pasaba a Via Domitia, posúe dous arcos centrais para o paso de vehículos e outros dous arcos laterais, máis pequenos, para o paso de peóns. Ao seu lado tiña dúas torres, desaparecidas na actualidade. A Porta de Francia ou de España ten un só arco de medio punto coroada cunha galería cega decorada con piastras toscanas. Tamén tivo dúas torres aos lados.  

4. O Castellum

Situado ao norte da cidade, próximo á cidade universitaria, era o punto de chegada do acueduto de Nîmes e servía para alimentar de auga á cidade. Trátase dunha rara construción en forma de cunca circular, tallada en rocha de 5,9 metros de diámetro por 1,4 metros de profundidade. Desde aquí e a través de canalizacións de chumbo levábase a auga a todos os recunchos da cidade, permitindo que Nîmes fose unha prestixiosa cidade, perfectamente adaptada ao estilo de vida romano. No estado de conservación en que se atopa, só existe outro no mundo, situado en Pompeia.  

5. Jardins de la Fontaine

A orixe de Nîmes remontase ao século VI a. C., cando unha tribo celta se instalou arredor dunha fonte que divinizaron, consagrándolle un santuario, que posteriormente usaron co mesmo fin as lexións romanas. Estes xardíns, un dos primeiros públicos de Europa, creáronse no século XVIII, no antigo enclave da fonte (de aí o seu nome). Trátase de quince hectáreas situadas nun outeiro do centro da cidade. Deseñados á francesa, os xardíns están repletos de xardíns e estatuas de mármore e na súa parte superior plantáronse, no século XIX, especies tipicamente mediterráneas, como piñeiros, cipreses, carballos ou loureiros. É un lugar de esparexemento moi usado polos habitantes de Nîmes. 

Pero a creación dos xardíns fixo redescubrir o antigo xacemento romano, abandonado desde a Idade Media. Entre diversos restos arqueolóxicos atópanse dúas xoias romanas, a Torre Magna e o Templo de Diana

6. A Torre Magna

Esta torre, construída na calzada romana, avanzaba a chegada á cidade e ao santuario imperial. Por iso era a máis alta e prestixiosa do recinto. Posuía tres niveis sobre un zócalo e, aínda que hoxe desapareceu o último piso, mantén unha altura de 32 metros. Accesible, desde a cúspide ten unha das mellores vistas de Nîmes.  

7. O Templo de Diana

Este enigmático templo, do que se descoñece a súa función exacta, estaba asociado ao santuario imperial romano. Posuía uns corredores laterais que conducían a unha planta superior. Entre os séculos X e XVI foi usado como igrexa dun mosteiro beneditino. Na actualidade só queda unha nave con bóveda de canón, pero é un lugar romántico no Xardín da Fontaine.  

8. A Pont du Gard

Os romanos crearon un acueduto de 50 km para levar auga á cidade de Nîmes. A obra máis importante de todo o percorrido é a Pont du Gard, unha ponte de 275 metros de longo e 48 de alto con tres niveis de arcos superpostos que salva o val do Gardon. É o máis alto do mundo romano e é Patrimonio da Humanidade da Unesco desde 1985. 

Atópase a 25 km de Nîmes e pódese chegar en bus (45 minutos) coa liña B-21, da compañía Edgard, desde a mesma estación de tren de Nìmes. 
 

Viaxa a Nîmes en tren

E, se ademais de Nîmes, tes interese por seguir o teu itinerario, invitámoste a visitar outras cidades igual de impresionantes conectadas polos nosos trens AVE Internacional entre España e Francia, grazas á fácil combinación dos nosos destinos: desde Perpiñán, Narbona, Béziers, Montpellier, ​Aviñón, Aix-en-Provence ou Lión​, sempre de centro a centro da cidade.​​​​ 

Cal será a túa próxima visita cultural? Ti elixe como queres a viaxe, nós poñemos os destinos e o transporte.  Coñeces os nosos descontos? Aprovéitaos e obtén o mellor prezo no teu billete de tren.